Etiquetas

,

Axúdasme a afinar as cordas do meu chelo?

Teño curiosidade por saber como resultaría a nosa combinación.

Daría para un bo concerto de cámara?

Talvez sería máis xeitosa a liberdade dunha jam.

Pentagramas ondeantes entre frenesí e equilibrio,

nun bar baleiro que conseguiremos encher coas nosas notas improvisadas.

Sen público do outro lado da porta á espera,

nin agullas de reloxo marcando os tempos.

Donos das claves de sol ao inicio de cada nova peza,

entre suspiros e silencios,

nesa alianza perfecta entre sons e espazos baleiros

a crearmos a nosa música con selo propio,

retumbando entre as catro paredes do noso decorado.

Na sincronía da desorde

seríamos músicos e luthiers,

amoldando os nosos instrumentos

para adaptar as nosas voces

piano e in crescento,

coas nosas batutas como únicas testemuñas

dun primeiro ensaio

que, se callar,

precisa dunha segunda parte para pulir negras e corcheas.

Axúdoche a afinar as cordas do teu chelo?

 

Anuncios