Etiquetas

,

Estou con saudades de poder surcar mares salvaxes,

de amarrar ben forte a miña barca noutro océano

e vagar sen rumbo fixo,

seguindo simplemente o movemento das ondas

a bateren contra as pedras das miñas costas.

 

Naufragar para voltar a coller aire

e bucear polas profundidades de augas descoñecidas,

á procura de illas desertas onde deixar pegadas na area.

Océano con océano tras liberarnos das amarras

e deixar en porto fronteirizo as nosas embarcacións.

 

Dous mariñeiros a camiñaren pola superficie

e a se perder na escuridade da corrente mariña.

Observar os nosos reflexos nas fazulas da lúa,

leito improvisado na noite,

ata nos perder nas fendas da escuma da auga novamente.

 

Eu,

ti,

con brúxulas intercambiadas

para poder guiármonos polos nosos horizontes

e percorrer cada liña de mapas que xuntos vamos trazando,

ata conformar unha única esfera.

 

Planos que se aproximan e separan,

ao ritmo das nosas respiracións

que retumban e se apagan

no eco de mares salvaxes.

 

Con saudades de ver dous novos navegantes…

 

Anuncios