Dor,

por ver como a historia se repite,

desta vez a maior escala,

con máis esqueletos en chamas

e latas queimadas á beira da estrada.

 

Dor,

por non termos aprendido a lección,

por non ter tido coidado a tempo,

a pensar que nada iría acontecer

ou que de pasar, de magnitude menor.

 

Por achármonos invencibles, herois,

por pensar que os estragos no monte

non nos acabarían por magoar a nós,

tan desconectados da natureza

ou simplemente a ver diñeiro nela,

do rápido e fácil,

mais con consecuencias.

 

Si, aconteceu,

voltou a acontecer.

Mais eses que se achaban donos da terra,

os das tomas de decisións,

os das escollas,

aqueles que se apropian da voz dos montes,

eles non estiveron a protexer e defender

os intereses comestos polo lume.

Tampouco se preocuparon das vidas

dos seus potenciais clientes,

agora mortos,

ou en estado de shock, vivos,

grazas aos herois sen capa,

que co seu traxe vermello e casco de plástico

estiran o tempo,

para debullar unhas horas extras no fin do día,

e continuar loitando.

 

Porque eles si se preocupan

e xa se tiñan preocupado.

Sabían que a historia se podía repetir

e nin os medios tiñan para fuxir dun destino

que se podería ter evitado ou reducido de tantas formas.

Dos intereses seren outros,

e o diñeiro non só ser investido para facer máis diñeiro.

 

Dor,

polas mortes das vítimas dos poderosos,

que tamén asasinaron os nosos montes.

A historia repítese,

pero o que foi embora,

xa non volve.

 

 

 

Anuncios