Nossas dúvidas são traidoras e nos fazem perder o que, com frequência, poderíamos ganhar, por simples medo de arriscar.

William Shakespeare


 

A vida é mesmo tan curta e ás veces perdemos o tempo en cousas tan insignificantes por lle darmos máis importancia da que teñen… Pode que nesa altura, por circunstancias, si sexan cousas relevantes que fagan os nosos días un pouco máis grises, mais se ollarmos a longo prazo, probablemente eses obstáculos no camiño que nos frenan non sexan máis que diminutos croios en lugar de cantos rodados a nos impediren continuar o noso percurso.

Cando se torcen os nosos plans, en lugar de procurar rutas alternativas permanecemos estancados no sendeiro, calculando as dimensións desa pedra que nós magnificamos, por medo a pasar demasiado perto dela e que nos faga caer. Mas se hai algo certo é que por moi dura que sexa a caída por non termos conseguido esquivar o croio, canto, rocha ou pedrolo, sempre podemos erguernos.

Aproveitando a dose de forza extra posterior á caída, de nós depende camiñar por outros lares ou focarnos en tentar percorrer o mesmo camiño como se tivésemos algún tipo de poder para atravesar pedras. Pero non gozamos de capas da invisiblidade nin de poderes máxicos para cruzar muros ou formas pétreas. O noso único e máis valioso poder é o de erguernos para comezar de novo, ou continuar con algunha mudanza. Sen medos ao cambio, sen temor a pisar un solo diferente. Porque escollamos o camiño que escollamos, sempre vamos a acabar por ver algunha pedra con vontade de nos parar novamente.

En lugar de permitir que esas pedras definan a nosa andanza, deberíamos sermos nós a deseñar o noso camiño. No mapa da nosa vida figurarán as caídas e recaídas, mas da mesma forma que non teremos problema en destacar as estacións de comboios e autobús que fagan un pouco máis levadeira a viaxe, tamén é importante a relembranza das etapas máis duras unha vez superadas. Camiños para evitar ou aos que voltar cunha atitude diferente do que a primeira vez que pasamos á súa beira.

Camiñármonos de mapa e brúxula na man, con agullas libres de medos e nortes marcando o rumbo sen temor a nos perder nalgún momento. Porque mesmo se demoramos un pouco máis en chegar ao cumio dalgunha montaña, terá merecido a camiñada que nos acabou por conducir a unha nova meta efémera da nosa vida. Perdernos para nos encontrar a nós mesmos ou para descubrir lugares que estaban a faltar no mapa.

Sen medo, sen ollar en exceso para o pasar do tempo, sen presións nen pretensións. Movidos unicamente pola vontade de non ficar parados e perseguir soños, paisaxes, coñecemento, horizontes… Desconstruír os medos, fracasos ou derrotas para construír un camiño máis firme a cada paso. Parando cando fose preciso, para seguir camiñando, con determinación.

 

Anuncios