“Just make sure to see the collateral beauty.”

A vida é un xogo de mesa, un taboleiro inmenso cheo de pezas de todas as cores e tamaños que forman parte da nosa ruta e de camiños paralelos que nunca se acabarán por tocar. Mais de entre todos eses elementos que forman parte da gran partida da vida hai un tipo de pezas especiais, dunha beleza única que se interpón na nosa andanza e teñen a capacidade de tonar visibles ou invisibles dependendo da perspectiva do noso ollar.

O mundo está cheo deses pequenos detalles que Amélie sempre foi experta en saber saborear ata a última gota, pero non son todas as persoas capaces de poder encontrar amor, vida ou valor en fragmentos de beleza efímera do tamaño dun alfinete. Con todo, constitúen parte deses deseños de círculos concéntricos de pezas de dominó que se xuntan e separan para formar parte dun enorme tecido de luz e felicidade. Tan perto e tan lonxe ao mesmo tempo… Ao alcance de todos nós e á vista dos poucos afortunados que se atreven a vivir doutro modo, sen depender das agullas do tempo.

Temos vidas tan aceleradas marcadas por rutinas amargas que nos separa cada vez máis desa inocencia observadora da infancia… Camiñamos en liña recta, co afán de chegar ao fin do túnel da melancolía e encontrar a felicidade tan ansiada. Coitados ilusos que esquecemos que a felicidade é o camiño… Unha felicidade protexida por esa arela de pezas de dominó que van caendo co movemento do vento ao noso paso e deixan o eco da súa pegada, sen ser ouvidas por moitos, que temen virarse e botar unha última ollada atrás. A felicidade pasa á nosa beira, camiña paseniño acompañando os nosos pasos. Temos de voltar a ser ménades danzantes e non ter medo a xirar sobre nós mesmos, para descubrir esa outra dimensión que nos arrodea e encarna a beleza colateral da existencia. Tantas pezas de dominó que podemos gañar e esconder no peto para voltar a saborear unha e outra vez… Mais temos medo a perder a batalla contra o tempo e acabamos por avanzar demasiado rápido.

Eu propia hai momentos nos que me esquezo de parar a coller aire e a botar unha ollada ás sorpresas que me depara o meu día. Absorta na rutina do traballo e os estudos, acabo por construír unha rede de pensamentos tóxicos que me distancian máis e máis da realidade e no meu labirinto non consigo atopar esa felicidade que tanto devezo por sentir… Por non me lembrar, por non me acalmar, por non aminorar a marcha e concederlle uns segundos ao meu tempo…

Afortunadamente ás veces esa beleza colateral é moito máis intensa e de entre todas as pezas de dominó adoita haber algunha que destaca entre o resto, un faro que reclama a miña atención, para me rescatar de entre as ondas da tormenta do meu mar. Piezas con luz propia que ceden parte de su energía para iluminarnos cuando nos sentimos perdidos en el tejido de nuestros miedos y desesperanzas…

Teño saudades do espírito intenso de muller Amélie que cheguei a transmitir en cidades como Vigo ou París, esa esencia soñadora que ambicionaba compartir cos máis desilusionados e escépticos. De mín depende agora salvar a miña verdadera natureza. Aquí, en Porto, o meu novo fogar, existen elementos alleos a mín con vontade de sacarlle o po ás miñas fendas Pezas desa beleza que nos envolve…

Cada tarde, cando saio do traballo, hai un músico que adoita pórse a tocar a guitarra na rúa da Cedofeita. A súa voz whisky forma parte tamén da banda sonora dos meus primeiros meses na cidade do Douro. Un home capaz de paralizar, de inmobilizar coma se por un momento fose marioneta e de envolver coa súa maxia. O destino de vida quixo que acabase vivindo na rúa en lugar de ser un músico de portada Rolling Stone cunha cantidade consistente de diñeiro na caixa forte da súa mansión. Non sae na televisión, non fai xiras mundiais de ano e medio; tampouco explota a súa imaxe para sumar uns millóns máis grazas a un contrato publicitario, pero hai uns poucos afortunados que si conformamos ese público reducido que asiste aos seus concertos efímeros gravados na pedra das casas de azulexos. Sempre, a pesar do malo ou estresante que poida ter sido o meu día, el consegue debuxar un sorriso nos meus beizos e reducir o ritmo do meu andar, reaxustando así o reloxo do tempo.

Beleza colateral que só podemos ver se realmente nos concedemos a oportunidade de parar a ollar (en lugar de pasar de largo e deixar que as pezas de dominó acaben no chan, co seu eco mudo como única pegada da súa existencia).

Anuncios