Quizais forme parte do decorado

da cidade gris pintada de cores…

Pode que despois de tanto tempo

percorrendo as súas rúas

sexa un elemento máis do atrezzo,

unha boneca de fendas claroscuras

cuberta de maquillaxe.

Talvez por iso mane menos luz do meu sangue,

por formar parte dos latidos apagados

dunha cidade fantasma,

como os meus pensamentos,

que se moven co fungar do vento,

ao ritmo do baile dos barcos do Douro

que agardan a súa partida final.

Coma as casas que levan asinado o seu prenuncio de morte,

esculpido a berros neses muros firmes

nos que antes devecía por pasar horas e horas

a través da retina do meu ollo

e que hoxe en día me afogan,

a pesar de non se ter movido desde hai centos de anos.

Mais é a miña inmobilidade a que me condiciona,

a ladrona dese ar que tanto devezo por respirar,

o pulo que precisan sentir os meus pulmóns,

a chave perdida que faga xirar o meu mecanismo de autómata

e me leve ata a praia de lusco fuscos con pencas verdes,

onde o Atlántico morre e nace un novo continente.

Cidade gris pintada de cores…

 

Anuncios