Afogo no eco dos meus berros,

no fino baleiro dos pensamentos

que oprimen o meu corpo,

ata deixarme sen voz.

E a falta de aire desoriéntame,

borra todo trazo dos camiños

que con esmero fun tecendo.

As cicatrices do pasado

salpícanme co meu sangue

e manchan ás persoas que quero,

sen poder coser as feridas a tempo.

Intento recompoñerme,

mais non consigo pór orde

ás pezas que se foron desfacendo

na area sen pegadas do meu percorrido.

Son tantos os anacos do meu vidrio

que me magoan conforme avanzo

e non sei por onde comezar.

Quizais sexa o prenuncio do meu final,

da miña (auto)destrución,

sen cordas para me sacar á superficie,

por non saber pedir axuda.

 

Anuncios