Poema ás mulleres -novas e vellas- que soñan con algún día ter nos seus brazos o froito do amor dos seus pensamentos. Poema ás mulleres que loitan por chegar a ser nais mesmo cando o vento non asubía ao seu favor. A elas e aos futuros amorodos do xardín.


 

Sei que aínda non é tempo de amorodos nin de cereixas,

faltan aínda moitas primaveras para que as plantas teñan froitos,

mais cada inverno saio ao xardín para que as follas verdes

non apañen o frío da xiada de comezos de decembro.

Protexo con amor cada recuncho da leira

e mergullo os dedos no espesor quente da terra,

nese útero que algún día será niño dalgún petisco doce vermello.

Pacientemente, á espera de seres sen data,

de embarques e nacementos por definir.

O único billete que aseguro nas miñas mans

é o da barca coa dose de esperanza necesaria

para que ás cereixas e amorodos non lles falte de nada

nas fazulas das súas raíces delicadas,

cordón umbilical que as une ao solo

e as reconduce a min.

Unha conexión de dous polos que algún día acabarán por tocarse,

cando chegue o día da colleita

e un dos amorodos acorde na aperta no meu cesto.

Cegoña durante tanto tempo degolada

que hai pouco acordou do seu longo sono

e loita por vivir,

por voar ben alto

e surcar ceos e mares

á procura de sementes novas

en lugares onde o vento corra ao meu favor,

sen danar as follas dos embrións verdes

que algún día florecerán.

E eu con eles.

 

Anuncios