As rúas portuenses parecen unha verdadeira paleta de azulexos de cores nos que de cando en vez o sol debuxa parte do seu sorriso entre as fendas dos espellos de lousa. Predios con portas de tons fríos e cálidos que convidan ao visitante a acceder ao seu interior. Mais que se esconde detrás das xanelas de cortinas de encaixe? Que segredos agochan as casas de balconadas onde noutrora houbo xeranios vermellos ou cravos despentados?

Ese abano de cores é un engano, a pantomima dun mero escenario dun teatro en realidade abandonado. Calquera que percorra unha das rúas do centro de Porto pode reparar en que a pintura que cubre as portas só é maquillaxe que esconde unha realidade con menos luz. Un grandísimo número de edificios levan anos fechados, non respiran, non teñen vida, tan só sinten o bico frío do cadeado na entrada. Ouven as voces da xente que pasa más son simples ecos daqueles que non consiguen ver, dos que non reparan nese arco da vella adormecido.

Os que se atreven a ollar, os que miran a través das feridas do vidro das portas, descubrirán unha realidade interior completamente diferente á fachada de mentiras e ilusións. Bambalinas de grisalla con actores efímeros sobre o escenario dunha cidade na que as agullas do reloxo non entenden do pasar do tempo.

Ese Porto gris…

Pintado de cores…

Que sobrevive, para non morrer (de todo).

dsc_3887

Anuncios