Mar…

O mar que nos une…

Ese Atlántico de luces verdes

que levo buscando desde hai anos,

puntos parpadeantes no horizonte

de liñas de grisalla azul

no bico do luscofusco.

 

Mar…

Ese mar que nos une…

O Atlántico no que durante tanto tempo

fun illa deserta, baldía, esquecida,

nesa auto-loita por non lembrar a súa existencia.

Abandonada no medio das augas

nas que tanto devecía asinar a miña liberdade.

Mais as ondas desfacíanse entre os meus dedos,

papel mollado sen palabras escritas no reverso.

 

Mar,

ese, noso…

Que foi e que segue a ser unión.

O lazo do Atlántico que tirou de min

e me sacou a flote

coa túa forza de vontade inconsciente.

E co pulo da corda

comecei a vagar por entre os sorrisos da escuma.

Deixei de ser montaña de area

para tornar en barca,

movemento contra pasividade.

 

Mar…

Ese noso lar de augas calmas

nas que me axudaches a asinar a miña liberdade

co peso lene do ar nas miñas costas,

puxando máis e máis forte

e atracar na medialúa da túa praia,

nese meu berce.

 

Mar…

O mar que nos une…

Atlántico que nos fai libres.

Paseniño.

Dúas luces verdes no horizonte.

 

 

Anuncios