Contemplo o mar

e el olla para min,

de volta,

coma se fose un espello de auga conxelada

no que non dou atopado o meu reflexo.

O meu cabelo pérdese entre as nubes

e as fazulas vanse borrando co vento.

Ser etéreo á beira do océano,

onde esperaba poder encontrar respostas

ente as ondas adormecidas

no bico do serán.

No bordo das rochas

a miña alma solitaria

esfórzase en pintar ás nas miñas costas,

mas o imán que me ata á terra

é cada vez máis forte.

Mar e terra aliados

vencen a loita contra

o meu berro mudo

de preguntas efímeras

sen solución

nin camiños alternativos

para me poder mergullar

sen que o cristal xélido me corte.

Quizais ese sexa o meu problema,

temer a ausencia de plumas,

dun colchón protector

ao final da caída.

Mais e se os anacos de espello

son as coitelas

que levo buscando todo este tempo

para cortar as cordas que me converten en escrava

(de min mesma)?

Contemplo o mar,

estático,

coma o meu ser,

agardando a ser mudado,

despois de tanto tempo.

Para me poder mergullar.

E acordar na oniria da liberdade

que tanto ansío

para poder ter preguntas

e respostas.

 

Anuncios