Levo tanto tempo

na busca dunha máquina de escribir,

desas dos filmes de xornalistas dos anos vinte

poñendo voz sobre papel

ás partituras de melodías de comezos de século…

Unha máquina que co seu son

adormeza na media lúa da noite,

nun berce tipográfico

de regueiros de tinta negra

que sequen as miñas bágoas

e cambien o rumbo da historia,

deste meu capítulo escuro

que precisa da chama dunha candea calquera,

para atopar o camiño de volta,

e recomezar o traxecto,

entre pezas redondas ascendentes e descendentes,

a flote,

lonxe das perigosas ondas do mar

que me condenan a esta deriva prolongada,

demasiado extensa,

nun océano onde as brúxulas non funcionan,

por non existiren.

Levo tanto tempo buscando esa máquina,

ese meu norte en forma de verbas,

que me guíen,

para eu por fin poder guialas a elas.

 

Anuncios