É increíble o poder que pode ter a música, o efecto reparador en cada poro da túa pel, anestesiante e revitalizante ao mesmo tempo. Como acordar dun pesadelo sen medo ou a sensación de vida con cada bocanada de aire ao saír da auga para respirar.

Estes días, adormecida por mor dunha infección molesta que me foi deixando máis e máis durmida nos meus pensamentos apagados entre desexos de voltar a ser a muller de sempre, con vontade de experimentar, coñecer e aprender, xa non sabía que facer para sentir o meu ser de novo a mexer no meu interior. Incluso ese sono que botou raíces dentro de min conseguiu que unha espesa néboa de grisalla pasase a ser unha constante de negatividade. Gañas de ser eu sen saber que camiño escoller… Sen gañas de arriscarme a escoller camiño ningún… Ata que comecei a escoitar as primeiras notas dunha das músicas máis fermosas de Ken Zazpi. E entón comecei a lembrar…

Ademais da capacidade da música de inxectar vida nas veas, tamén fai de máquina do tempo, de baúl de recordos que unha pensaba esquecidos por non pararse a os lembrar. Banda sonora dun pasado que comezou cun desenlace empapado en tristura que unha muller única se encargou de secar. Con notas vascas, verbas catalanas, sorrisos a medianoite e para acordar…

Anuncios