Agora mesmo teño unha mestura de sentimentos batendo na miña cabeza, coma unha tormenta de pedras caendo no tellado. Carraxe, rabia, dor, tristura, impotencia, decepción… Pensamentos que me invaden e me corroen por dentro ao ler as últimas noticias que se publicaron nos medios sobre Simone Biles.

A estas alturas das Olimpíadas, quen máis e quen menos xa saberá de quen estou a falar. Por desgraza, as redes sociais agora mesmo non están a festexar o ouro por equipos de Estados Unidos en ximnasia artística feminina -que tamén-, senón que están a facer eco dos comentarios dun xornalista en relación aos proxenitores da brillante deportistas.

Aquelas persoas que quedaron namoradas da forza, elegancia e determinación da norteamericana talvez se interesaran por ler algo máis sobre os comezos da súa carreira deportiva e descubrirían que é adoptada (polos seus avós). Si, e que importa iso? Que diferenza supón? Acaso a súa nai e o seu pai son de segunda? Son menos reais? Non son xente de carne e óso coma calquera nai ou pai biolóxicos?

A unión de sangue non é máis ca iso, xenética. Unha etiqueta extra vinculada á conexión biolóxica -pai (biolóxico), nai (biolóxica)- , pero ese lazo sanguíneo non concede o título de pai ou de nai a ninguén. Pais son aquelas persoas que teñen o valor de compartir a súa vida con outro ser humano -tanto se o traen ao mundo coma se non. Non se trata de crear vida, trátase de querer dar vida (digna) a un neno ou a unha nena que sen dereito a decidir un bo día abriron os ollos no noso planeta e o reloxo comezou a funcionar.

Non entendo de onde nace a necesidade de facer tanto énfase no parentesco biolóxico en contraposición ao adoptivo sempre e cando os fillos baixo o coidado dese núcleo familiar -con sangue común ou sen ela- medren sans, felices e sexan educados con valores humanos para no día de mañá ser persoas das que deixen a súa pegada sen estragar a casa que como irmáns partillamos desde que nacemos ata que morremos.

Ademais, quen é un xornalista ou calquera outra persoa para decidir quen é máis ou menos pai? Non é o neno ou a nena o que ten o poder de coroar a unha muller ou a un home como nai ou pai? Ademais de que a nivel legal os avós biolóxicos de Biles si son os seus pais, para ela tamén o son e todos nós deberiamos respetar ese vínculo real, máis real que o ADN.

O amor non se mide en tubos de sangue cos mesmos xens e tampouco depende dun parto. O amor é o que estamos dispostos a dar e a recibir; o sentimento de colectividade, solideriedade e fraternidade; compartir tempo e dedicación; e, sobre todo, tendo como única etiqueta a palabra “incondicional” (e independente, sen importar partidas de nacemento ou procesos de adopción). Pais son aqueles que como agasallo un día escoitaron a palabra “papá” ou “mamá”.

Anuncios