Ana: How do you spell “beautiful”?

Uxbal: Like that, like it sounds.

Biutiful, Alejandro G. Iñárritu (2010)


 

Ficaría tumbada ao teu lado pola mañá,

en silencio,

para que tardes en acordar

e teña máis tempo para te debuxar,

nese caderno da miña mente

con páxinas cheas de rectas e curvas pretas.

Conceder as primeiras horas de cada día

a perfeccionar ese bosquexo,

para ficares na miña memoria

e poder completar a miña obra

con cada novo descubrimento,

con pintas extras

que aparezan nos camiños da túa pel.

E cando non estés

para taparme cos teus brazos,

agochareime entre as follas,

respirarei o alento de cada deseño

e crearei un segundo berce

nas rectas das túas mans impresas.

Retratos de instantáneas efímeras

conxeladas no tempo.

Un corpo que quero tornar en lume,

para poder mantelo aceso na noite

e na luz da calor das chamas

atoparte.

Para ficar ollándote

e (re)debuxarte.

 

 

Anuncios