Ollo para as pintas
desas todas miñas constelacións
e intento ver se deixaches algunha marca
ou se moveches algunha estrela de lugar
durante o teu percorrido pola miña Vía Láctea.

Astronauta percorrendo o mapa nocturno,
saltando dun planeta a outro
coma unha especie de Principiño,
movido polo rumor da música de fondo
de corcheas e silencios de esencia brasileira.

Baixo a sombra de novos boababs
cada vez síntote máis perto
e troco en rosa de pétalos vermellos
sen necesidade de gaiola de cristal
para me protexer do vento,
teño por berce o tacto das túas mans.

Agora encarno o rol de aviadora,
a nova Saint Exupery que devece voar polo teu deserto,
quero que a miña avioneta encalle nas túas dunas,
para poder tocar cos dedos as súas costas
e debuxar curvas novas na liña do horizonte.

O meu pulso acelera
e as costelas palpitan co latexo in crescendo.
O meu peito semella un volcán en erupción,
unha montaña adormecida
que está a acordar dese seu sono,
inspira, expira.
O seu alento ,
sinais de fume.
Comunicación silenciosa
entre brazos entrelazados
que falan en lingua morse,
de pinta en pinta
nos ocos de pel sen escribir.

O aire dos teus pulmóns
enrédase nos meus cabelos,
que fan de áncora e cordas
para ficar ao teu lado
e achegarme mais a ti.
Tira, tira con forza
con ese imán invisible,
es a peza do puzzle
que falta para completar a canción
Fazula con fazula,
dúas meixelas que se bican,
coma se a miña cara fose sol
e o teu mar fixera de leito.
Nese atardecer
quero afundir nas túas augas,
mergullarme para sentir o sabor do sol
na lingua
e debuxar verbas nos teus beizos.

O tempo para,
a música conxelada no tempo
e o espello do sol fica encantado,
testemuña dese noso intercambio de voces mudas,
de bocas que falan sen necesidade de palabras.

Quero facer máis poesía.

Anuncios