“Non basta con ter a voz máis melodiosa para entonar un tango. Non. Tamén hai que sentilo. Hai que vivir o seu espírito” Carlos Gardel


Quero prenderte coas cordas invisibles dos meus dedos,

cazarte temporalmente,

que sexas presa dos meus brazos

e facer das miñas pernas as túas cadeas.

Escravos dun tango

que nos torne nun único bailarín,

ser espellos siameses,

para seguir os pasos do outro

nunha aperta de latexos acompasados.

Fusionar a miña pel coa túa pel

pousar as miñas mans na fazula das túas palmas

e fundir o teu esqueleto no meu interior,

dúas marionetas partillando escenario.

Eu movo os teus fíos,

ti moves os meus

coa partitura como leito

e a melodía como escenario.

Un, dous, tres…

A firmeza dos nosos pés

ascende pola curvatura

das pernas enlazadas,

nesas ondas mariñas que se bican.

Barcas que navegan nun mesmo mar,

intentando chegar á liña do horizonte,

coma o sol que se perde no serán

nas profundidades do océano.

Apértame máis ti agora coas túas cordas,

ben sei eu cando escapar,

cando xirar para engailoarte de novo

e que me persigas

por medo a perderme.

Anuncios