Etiquetas

, , , , , ,

“O pasado está na túa cabeza, o futuro nas túas mans”


Querido eu,

Pregúntome onde estarás agora, en que lugar do mundo te atopas lendo estas verbas e que foi o que che fixo lembrarte delas. Que estás a facer da túa vida, vagalume? Ou xa non te chaman así? Espero que non sexa por falta de luz…

Tanto me ten de que esteas a traballar, tampouco me importa moito se ficaches na túa terra ou borraches fronteiras coa tua goma invisible. Claro que teño curiosidade. Gustariame saber que camiños tiveches que percorrer para chegar a onde estás, saborear cada unha das paradas que fixeches para recuperar forzas e sentir o ar do solpor con cada novo inicio despois doutra despedida. Segues a ser un canto rodado dos que prefiren dicir “deica” no canto de “adeus” ou botaches raíces? Sempre fuches orquídea mais nunca estiveches demasiado tempo cos pés baixo terra…

Rematarías a carreira, supoño… Despois, que rumbo tomaches? Estabas tan perdida no mundo, buscándote nos espellos e na luz dos teus ollos sobre a superficie da auga do mar… Que manía que tiñas de ficar contemplando o océano para dar con algún faro verde deses que parpadean. Deches atapado algún deses petiscos cor botella? Espero que se eses luceiros todos foron máis rápidos non te deixaras afundir e foses o Gatsby do sorriso de orella a orella. Iso si, sen tanto paxaro na cabeza.

Pregúntome se con título asinado na man partiches a novos lares nun ano de experiencias ou se te decantaches por atarte desde ben nova á experiencia, a subir chanzos e máis chanzos nesa loita frenética social por subir de escala no posto de traballo. Eras de cu inquedo, non creo que te deixaras engaiolar, ou si? Algo diferente farías… Talvez seguir estudando… Xornalismo? Historia da Arte? Traballo Social? Espera un momentiño… Mmmmm, un mestrado para poder ser profesora e seguir o exemplo da que foi mestra túa na escola? De seguro que se estás a dar clases de inglés e francés agora andas por algún país de América Latina.

Entón, algunha lingua máis aprenderías non? Que me dis do portugués? Lograches pulilo e facerte pasar por portuguesa ou brasileira? Algo terías que mellorar… E o catalán, que hai do catalán? Segues tan namorada del? Era boa idea mergullarse nas redes do occitano para explorar un pouquichiño máis. E o italiano, que foi del? Aínda vas estar pola Toscana! Estabas ti a piques de graduarte do Bacharelato e non facías máis que pensar no moito que che gustaría ter unha bicicleta coma a do protagonista da Vita e bella para ir da casa á escola. Mmmm parece que arrecende a ourego ou son cousas miñas? Pode que algunha especie grega… Porque querías aprender grego tamén. Deses soños teus da lista de cousas futuras, aínda que ti eras máis de falar de “cousas que facer antes de morrer”. Mira que estar tan obsesionada coas linguas… Case todos os elementos da lista eran linguas por aprender. O árabe, ai o árabe…

Estiveches en Palestina? Como están as cousas por alí? E no Magreb? Visitaches a algúns dos teus amigos do Marrocos? Como lle vai ao pobo bereber? E que hai do Sáhara? Exipto tamén era un dos teus destinos predilectos de rapariga… Non será por libros que leches e devoraches sobre faraóns e ollos lapislázuli. Despois xa tiraches máis cara ao grecolatino, de aí a túa paixón polas orixes da filosofía ou a evolución dunha escultura tesa a unha en movemento, coma as obras do teu amado Miguelanxo do Renacemento. Que é do arte agora? Volveches polo Pompidou a sentar naquela sala de letras prateadas e música gravada? Digo eu que se estiveches en París outra vez irías ao Museo de Picasso… Polo menos por volver respirar o ar da rúa na que chegou a ti a muller vasca.

E escribes? Non creo que che dera a cabeza para deixar de facelo… Sempre fuches un fervedoiro de pensamentos, un tras outro e veña máis ideas, historias, preocupacións, solucións, esperanzas… Prosa, poesía, ensaio…? O xénero dramático por escrito nunca foi o teu… Mais quen sabe! E falando de escritura… Remataches a novela? Chegaches a publicala en papel ou quedou aí a medias collendo po virtual? Polo menos o caderno teralo gardado baixo chave, non? Non creo que o deixaras atrás, nin as outras libretas. Que hai dese caderno de amor propio dun verán portugués? De amor propio e doutros amores… Ai, ai, ai que toliña… O primeiro día, ti tan emocionada en crear algo para ti, saído de ti e non te puideches resistir a escribir frases inspirados en efemérides amorosas masculinas.

Como che vai no amor? A ver, non me interesa saber se estás casada, solteira, divorciada… Pero, lévalo mellor? Namoradiza segues a selo seguro, poría a man no lume. O que xa non sei é se eres soñadora con algo máis de sentidiño ou co mesmo (menos, véxocho complicado). Sofres tanto por mor dos cristais rotos cada vez que esnaquizas un soño ou alguén se encarga de tiralo ao chan diante dos teus fuciños. Has de estar ben chea de cicatrices. Ti, que sempre te tirabas polo acantilado abaixo sen te asegurar de que levabas postas as ás… Aínda bueno que algunha que outra amizade che lanzaba un paracaídas desde o alto para que puxeras. Esfuciñarías pero digo eu que tamén che será máis fácil iso de levantarte, coller impulso e padiante, non? Vive, eh! Non me deixes de vivir porque agora che estea a dicir isto. Nin me deixes a oniria de lado, que eras moi dada ti aos extremos e tampouco é así. Para que enganarnos, tentabas ser radical de ou todo ou nada, pero ao final tirabas máis cara ao todo (estoume a rir e intúo que ti tamén). Sabes que levo razón… Saber ti saberás por vella, pero eu por diaño.

Miña nena -e si, digo miña nena porque espero que sigas a ver unha boa ben grande cun elefante dentro e non un sombreiro deses que leva o vento. Supoño que habería épocas de chorar tanto que non che facía falla unha galleta de agrandamento do País das Marabillas para fogar nas túas bágoas, pero digo eu que sendo vagalume oficial de nova, tamén fuches quen de arrouparte na calor da túa luz, ou non? Non me chores da emoción eh se tiveches un mal día e che fai ilusión ler isto porque che fai lembrar o fermosa que é a vida, sorrí, se ten que ser con bágoas que sexa, pero sorrí! Que a vida é fermosa. Aínda que claro, por que lle vas facer caso a unha rapaza de 20 anos, que vou saber eu da vida que non saibas ti… Pensa o que queiras, pero a felicidade non entende de idades, tiña que ser materia obrigatoria en tódalas escolas do mundo!

Vagalume, meu benquerido vagalume… Sexas quen sexas, nunca esquezas que naceches con ás e que ninguén absolutamente ninguén, chas pode curtar. Ti es dona das túas plumas, de cada u dos fíos invisibles que conforman as túas ás de insecto voador cando non es pomba e de ti depende facer que broten ben alto. Pensa naquel mozo que tanto che gustou cando viches Pa negre. Adoitaba ir ao río para desentumedecer as súas, para que non ficaran adormecidas. Porque si, poden caer nun largo sono, mais non poden morrer. Así que mantenmas en forma, que ben que me custou a min non estragalas! E brila, brila! Se deixaches de ollar para a túa luz, volve facelo vagalume voador. Non lle teñas medo. Tampouco mires fixamente, que non é cuestión de que te me quedes chosca, mais non lle deas as costas. E mímate, mímate moito, que o teu amor é fonte de vida.

Cando esteas tristeira, xa sabes onde refuxiarte. Sen acomodarte, eh, que tampouco é cuestión de que che faga de berce eternamente! Pero iso, que cando te sintas soa, cando non saibas a onde ir, xa sabes onde atoparte. Tan sinxelo como ler esta carta que un día alguén escribiu para ti desde un presente que para ti é pasado. Non hai mellor aperta que a que eu che poida dar, ben forte, destas coma as de clase de ioga, das que se senten, das que queres conxelar no tempo. E velaquí tes unha aperta eterna. Porque te quero, Vagalume. Quérete!

Sexas quen sexas, vivas onde vivas, fagas o que fagas coa túa vida, non esquezas á muller que puxo todo o seu empeño en quererte, en quererse. Así que ámate, vívete, gózate, sorríe cando te olles no espello e non desesperes.

Unha aperta enorme, Vagalume. Non a notas? Non estás soa.

P.D. Eu son pasado, mais ti es presente co futuro nas túas mans.


Fotografía: Jacobo Ameneiro, 2016

Anuncios