Etiquetas

, , , , ,

“Pode ser que a lactancia non sexa a mellor opción para tódalas nais, pero é a mellor opción para tódolod bebés”.


Xa hai un tempo que escribín sobre este tema que hoxe me trae de volta ao blog despois de tanto -demasiado- tempo para min. Non quero resultar repetitiva, mais si considero que é necesario seguir falando daquelas cuestións de actualidade que aínda temos que enmendar conxuntamente. De que vos veño a falar? Pois nada máis e nada menos que da lactancia materna ou de como dar o peito semella ser un acto ofensivo para a humanidade.

Hai un par de días estaba a pasear tranquilamente por unha das rúas máis transitadas do centro de Porto. Santa Catarina estaba ateigada de xente, coma tódalas tardes soleadas desde que cheguei hai menos dun mes. Para aquelas persoas que non coñezan a cidade portuguesa, Santa Catarina vén sendo a Rúa Real da Coruña ou Príncipe en Vigo. Vaia, a arteria peatonal das compras, con tendas desas imperiais espalladas por todo o mundo.

A pesar de que xa case tiña memorizadas todas as xanelas das casas de azulexos de cores, non podía evitar pararme a contemplar coas meniñas dos meus ollos cada recuncho, á captura de novas instantáneas capaces de amosar unha nova faciana da coñecida rúa. E, sobre todo, ollaba aos turistas que pasaban ao meu carón, mentres as máis variadas linguas se mesturaban e esfumaban desfacándose da aperta fortuíta e efímera.

O posto de brazaletes feitos a man, as mochilas de coiro moi perto, os escaparates lucindo vestidos de tempada… Cando de socate, non puiden evitar fixarme nunha muller que estaba sentada á sombra nunha terraza dunha cafetería, co fillo en brazos e levantando a camiseta. Evidentemente se mirei non foi porque se lle vira o sostén lila de encaixe, iso non foi o que me chamou a atención, desde logo. O motivo polo cal quedei abraiada foi ver que ao mesmo tempo que ela deixaba ver parte do seu peito, outra muller que estaba sentada ao seu lado levantouse cunha manta estendida, para facer de escudo protector de posibles miradas.

Entristeceume moito que un acto tan natural -ou que debería ser visto como tal- fose censurado por un cacho de tea. Talvez por decisión propia da nai, de querer ter un momento de intimidade co seu fillo mentres lle daba de comer, mais decantaríame por pensar que o motivo que a levou a agocharse foi outro. Seguramente quería esquivar miradas de esguello, de reproche e incluso de noxo e así garantizar un momento tranquilo co seu bebé aillada de calquera posible situación incómoda.

Porque si, por desgracia isto pasa en Portugal, en España e noutros países do mundo. Está tan hipersexualizado o corpo da muller -e entre outras cousas os peitos- que o tabú existente desnaturalizou algo que forma parte do noso día a día e que formou parte dos nosos primeiros meses de vida (se nos deron o peito de naipelos).

Que terá de malo que unha nai lle mate a fame ao seu fillo? Vai deixar de facer vida normal? Ten que quedar encerrada na casa para poder darlle tódalas tomas sen que ninguén se percate e se horrorice? Dar o peito non é provocador nin erótico, é natureza. Sorte que teñen os nenos e nenas que medran bebendo leite materno que os protexe moito máis das enfermidades que calqueira preparado.

Cada vez que teño a sorte -si, sorte, fortuna, privilexio- de cruzarme na rúa ou na praia cunha muller que lle está dando o peito ao seu fillo, non podo evitar sorrir. Alédame ver ese vínculo nai-fillo, ese amor en forma de alimento e de inversión de tempo, de sacrificio incluso a nivel físico. Sería moito máis fácil quentar uns polvos en auga e non ter unha boquiña succionando aí a mamila día tras día. Porque a lactancia é un xesto de amor, un agasallo para eses nenos que no futuro serán dos que se escandalicen ou dos que poidan sorrir ao lembrar que noutrora eles eran as criaturas en brazos das súas nais na rúa. Un amor san que debería ser libre.

Unha imaxe vale máis que mil palabras:

Comerías-tú-aquí-620x394lactancia-materna-podria-salvar-bebes_TINIMA20130218_1002_5

Anuncios