Sinto a túa pupila punzante na pel,
cravándoseme nas veas, lentamente.
Sen te decatar, comeza a manar sangue,
con máis profundidade,
atravesando os músculos ata chegar aos meus ósos,
dor paralizante,
náuseas,
destrución,
esnaquízasme co teu ollar frío
e convértesme nun cacho de carne.

 

Estás desexando atacar,
bicarme con eses dentes con fame,
para facerme túa,
para marcarme,
para masticarme,
para reducirme a simple po óseo,
ata satisfacer a túa necesidade animal.
Son a túa presa,
analizas o meu hábitat
para elixir a mellor estratexia de ataque defenitivo.

 

Deveces traspasar as miñas fronteiras,
tirar abaixo a feble barreira que levantei para protexerme,
pero xa lanzaches o teu dardo paralizante,
un somnífero en forma de cadeas
que me inmobilizan
e me obrigan a ollarte,
a oler o alento do meu propio medo
e máis náuseas,
noxo,
sinto como o teu bafo se me pega á pel ferida
polas coitelas don teu iris dilatado.

 

A túa voz,
calafrío,
coma se me percorrese unha serpe,
noto como as escamas me van perforando,
as miñas articulacións afogan,
bebes o meu osíxeno a grolos
e non queda aire,
teño que respirar do teu vento fétido
e apagas os meus berros mudos
coa túa mordaza,
non che gusta a miña voz,
tan só o meu desespero,
o grito do peito palpitante,
coas vísceras fóra,
para aforcarte,
pero perderon toda calor
co contacto do xeo da túa pel.

 

Desángrome,
desángrasme.
Só son bile,
bógoas ácidas que abrasan
o pouco que queda de min,
un corpo en embullición
que non queima,
comesto polas cordas dos teus dedos,
que baten contra min,
en movementos secos por posuírme,
por empoderarte de min.

 

Mais xa non son túa,
nin miña,
nin de ninguén.

 

Só son carne, vísceras e bile.
Que morren,
porque precisamos morrer.

 

IMG_20160530_151805

 

Anuncios