Sobre as rochas
soño con ser serea,
agardo por unha gaivota de pico dourado,
para que o seu petisco
reactive as escamas que secaron.

Mais son humana,
máis humana ca nunca.

Vou buscando o mar
e o mar chama por min,
pero tan só son déjà-vus
desa miña vida pasada.

Sopra a brisa entre
as pegadas dos meus pés descalzos
sobre as pedras
e cos dedos intento rañar
as ondas do vento,
para lanzar a miña mensaxe embotellada.

Ogallá algunha pomba viaxeira
a atope entre o argazo
na marea baixa
e lla entregue ao seu novo dono,
para que torne poeta dos meus versos,
para que me lea,
para que sinta o suspiro dos meus pensamentos
que afogan e saen de novo á superficie do océano.

Para que da súa voz escoite
as miñas verbas mudas,
o canto apagado dunha serea que non fala,
mais sempre soñadora.

Confórmome con poder facer do mar un espello
e camiñar con coidado polos fíos
da sal seca das súas meixelas,
ata tar coa xanela do seu barco
e ollar,
como ollo sempre,
os pailebotes que chegan e parten,
sereiña exploradora de portos distantes.

Tan preto e tan lonxe,
das verbas que co vento van
e non volven.

Botella de cristal con mensaxe
sen remitente de volta.

Entre pegadas descalzas
e escamas secas.

Agardo,
humana,
máis humana ca nunca.
Anuncios