Non quero ser unha desas barcas esquecidas,
das que nin tan sequera se lles le o nome.
Navíos de madeira podre sen identidade.

Non quero ser unha desas barcas esquecidas,
condenadas a morrer aforcadas
sen ningún mariñeiro preto para cortar a corda
e cando menos,
tras unha morte tráxica,
poder atopar leito nas profundidades.

Non quero ser unha desas barcas esquecidas,
desas que tornan en preso e xaula,
con táboas por barrotes
e unha chave que tornou en soga.

Navíos sen rumbo,
pois non teñen billete de viaxe,
sen punto de inicio nin punto final,
con camiños igual de desdebuxados
que as súas fazulas
que perderon a cor orixe.

Preciso ser barca
para non esquecer,
para lembrar que hai sendeiros reais,
tantos coma ondas do mar
que quero que me perfilen,
que fagan de paleta de cores
e me empurren,
cara novos horizontes,
sen cordas nin sogas,
nin mariñeiros dispostos
a concederme liberdade.

Non quero ser barca esquecida
tampouco quero que me recorden,
tan só preciso ser barca con memoria
para poder ser libre.

E non esquecer.

Barca, con historia.

 


Fotografía: Praia de Alcabre (Bouzas, Vigo). Maio, 2015

Anuncios