DSC_1993 (1)

De cando en vez
síntome unha especie de réplica
do vello Albatros de Baudelaire,
que sobreviviu ao paso do tempo
e continúa perfilándose
en ceos veciños e alleos
co crepitar do paso das follas
desas flores do mal.

A silueta da miña sombra
debúxase con elegancia
sobre a superficie das rochas,
pero cando me achego ao espello pétreo
camiñando entre argazo e lapas,
dou de cheo coa imaxe do meu ser real
sobre as pozas de auga estancada.
Albatros que nin tan sequera ten ás,
que vive das ilusións
do que semella o roce das plumas
máis tan só é vento.

Retrocedo,
volvo ao refuxio da rocha máis alta,
aló no pico da praia,
co sol nas costas
e o perfil da miña sombra
desde onde son Albatros
e non me importa selo.

Anuncios