Á miña benquerida Panificadora, odiada por moitos, amada por uns poucos: 

Ás veces, os lugares nos que o baleiro botou raíces, son aqueles nos que as ramas das árbores invisibles medran máis alto, ramas que resisten o peso do vento e do teu corpo, e fan de berce, de paraugas e de arrolo cando o silencio torna demasiado punzante nas rúas de embaixo. Árbores de follas secas para uns e do máis intenso dos verdes para outros, nunha especie de primavera permanente na que o inverno chama a portas que só se abren para aqueles que non temen, que confían na resistencia do tronco da árbore.

Árbores que malia comestas polas linguas de lumes pasados, non morren, pois son fogueiras en si mesmas, que se apagan para volver brotar de entre as cinsas con máis intensidade. Non chegan a caer, tan só pechan os ollos por uns intres para brillar con máis forza, para deixar que a luz traspase as xanelas das súas paredes e aqueles que se atreveron a trepar polas ramas poidan mirar a través de fiestras novos horizontes, pespectivas alternativas do mundo reservadas para os máis valentes.

Pode que a poalla non acabe por borrar das fazulas das súas ramas o rastro de grisalla do incendio sofocado, pero esas feridas de guerra son as que fan desas árbores que aínda teñan máis maxia. Para os que están cegos, as cicatrices desas árbores sobrevidas só son fendas grises e negras, pero para aqueles que ven e non teñen medo a ollar, esas cicatrices son o sistema sanguíneo dunha árbore de luz que bombea vida, coma esa enerxía que sinto cada vez que paso por diante da miña propia árbore viguesa.

Árbore que moitos devecerían por tirar abaixo, por talar sen ningún tipo de escrúpulo, pero que para min é (de)cadencia enerxética que me reactiva. O vivo exemplo de que para que haxa luz necesítase unha dose mínima de escuridade e na Panificadora, na súa silandeira soidade acompañada polo brión húmido e as gaivotas, luz e escuridade entrelázanse nunha aperta de grises e verdes que conviven nesa simbiose arquitectura-natura que me enfeitiza.

 

 

 

Anuncios