“Vou caçar mais de um milhão de vagalumes por aí, / E pra te ver sorrir eu posso colorir o céu de outra cor” Vagalumes, Pollo


 

Ogallá puidera mercar un paraugas vermello,

deses que fan de barca do vento,

e sobrevoar os ceos de cidades que percorrín noutrora,

seguir co meu ollar o trazo das rúas e ruelas

desde o alto, alén do ar,

por se as miñas pegadas sobreviviron á poalla

e aínda pervive o rastro da miña luz.

Gustariame ter un paraugas

que tornase en rede de vagalumes

para atrapar os petiscos dourados

da muller á que fun dando as costas,

sen me chegar a decatar,

nun lene suspiro que me foi consumindo.

Volver a destinos perdidos no tempo

para dar con todas as pezas dun puzzle esgaxado

e intentar reconstruirme,

volver ser sol

en lugar de cometa

que aparece e desaparece,

que se esvaece e tarda en ser fénix.

Volver ás raíces

para medrar sendo nova árbore

e que as miñas ramas penduren no horizonte

lámparas de papel con linguas de lume

que fagan de faro nas noites de néboa

e nas mañás de tormenta.

Necesito voar,

voar para ser luz,

e non me apagar.

 

 

Anuncios