el_miedo

Pode que preguntas

que non me atrevo a facer en alto

sexan a causa deste meu mal

que non ten cura,

que non cala con ningún tipo de fármaco,

pois é maís profundo

que a superficialidade dunha dor de cabeza

ou dun resfriado.

A gripe que levo dentro é constante,

mais non ten voz de alarma

para alertar aos que me arrodean

e ignoran os interrogantes que me bombardean.

Cada signo de interrogación

fai á vez de man e de coitelo

que oprime pouco a pouco a miña pel,

cuberta polas pingas de suor da febre.

Pérdome no mapa dos meus pensamentos,

xa nin ler sei a brúxula das dúbidas

e cando me agocho no armario dos soños,

non aparezo en Narnia nin na Atlántida,

dou de fuciños co muro de formigón

no que segue pendurado o letreiro

con eses ollos que me observan,

penetrantes,

agardando por respostas.

E teño medo.

As preguntas danme medo,

os coitelos danme medo,

as fronteiras do meu mapa danme medo,

e ese medo tenme medo,

por mor de non chegar a dar coa saída,

por mor de non liberar as verbas da súa gaiola

e borrar con poalla os interrogantes,

que tornen en afirmacións

que fagan de guías no camiño no que tremo,

polo frío,

pola suor,

polo bafo do meu alento.

Pode que preguntas

que non me atrevo a facer en alto

sexan a causa deste meu mal.

Terá cura?

?

?

?

Anuncios