Pecho os ollos

e os pesadelos da noite volven a min,

coma se formasen parte do meu ser,

coma se cada xen do meu ADN

fose un deses soños de grisalla

e de noite,

a miña mente só se encargase

da lembranza,

de encher os ocos baleiros

desta miña taula rasa

que cada vez se enche a maior velocidade.

E non sei como frear o lapis invisible

que escribe un trazo tras outro,

ás veces ata o punto de cravarse na pel,

e desperto no amencer con marcas,

con pegadas azuis, verdes ou lilas

que non poden ser fruto de ningún golpe.

Ou pode que si,

pode que sexan as feridas de guerra

das miñas fuxidas desesperadas

por escapar das mans opresoras

dos homes e mulleres que me secuestran,

deses monstros que en edificios baleiros me encerran

ou consiguen atoparme na beira do río,

privándome da liberdade.

Pecho os ollos

e os pesadelos da noite volven a min,

coma se formasen parte do meu ser,

coma se cada xen do meu ADN

fose un deses soños de grisalla

e de noite,

a miña mente só se encargase

da lembranza,

de encher os ocos baleiros

desta miña taula rasa

que cada vez se enche a maior velocidade.

Como podo parala?

 

Houbo un tempo no que devecería durmir

para poder soñar,

para atoparme nas rúas e ruelas da oniria con el,

pero eses recordos non volven,

xa non existen as pinturas do seu sorriso.

Agora devecería soñar,

para poder durmir.

 

 

Anuncios