Desde hai un tempo atrás,

a liña infinita do Atlántico

que se debuxa desde as Cíes,

é o trazo finito do espello

no que me atopo de socate coa miña mirada.

Nun océano comesto polas miñas sombras

xa non son quen de facer avanzar o pailebote do meus ollos,

non pedo mergullarme no baleiro,

pois o ceo que facía de fío conductor Vigo-Bos Aires

é un muro de formigón

que con voz muda berra:

“deixa de fuxir”.

E as ondas do mar deixan de ser refuxio

e tan só fan de lenes sabas

que non me protexen do frío da noite aceda.

Ese azul de pincelada sorollana

mesturado coa grisalla da miña paleta galega

convértese nunha especie de conciencia inimiga:

“deixa de fuxir”.

E as raiolas de sol xa non dan vida

ao que eu deseñara como mapa de ruta,

agora estragado,

mollado,

a carón dunha brúxula rota,

cunha agulla que me apunta directamente a min:

“deixa de fuxir”.

Pecho os ollos,

preciso deixarme levar pola brisa,

ser escrava do vento

para tornar ceive entre as bágoas das nubes

e coa babulla borrar a liña do horizonte

que se reflicte nas miñas meixelas,

coma cicatrices dunha guerra interna:

“deixa de fuxir”.

Ollo sempre de fronte

mais nunca dentro,

pois o meu mar interior non ten a cor lapislazul do verán

nin a poalla gris do inverno.

Mais ese meu outro Atlántico de illas e bateas

tornou murchio…

A onde fuxo?

Pailebote sen rumbo…

Sen mapa, nin sur, nin norte…

Terei que explorar as profundidades mariñas

para poder tornar a unha superficie

na que as raiolas de sol

fagan maxia e me devolvan o meu oceáno infinito

de fíos invisibles Bos Aires-Vigo.

-Vagalume

 

 

Anuncios