Etiquetas

, ,

O lene bico da noite queda impreso nas fazulas do granito das rúas e ruelas despois de cada novo luscofusco… Sona xa o canto de berce en Compostela…

IMG_20160205_222157

E entón a luz do sol comesto pola lúa pervive tras das xanelas que semellan palpitar ao ritmo do corazón de edificios con vida propia…

IMG_20160205_234820

Coma ese paseo da Ferreiría na que os peóns que están á calor da aperta das árbores…

IMG_20160206_001042

Ramas que forman túneles, coma os que te engulen de socate ata te transportar a unha nova rúa, transformada polo pegada da escuridade acibeche…

IMG_20160206_001518

Aínda que hai túneles sen saída, túneles que rematan en portas descoñecidas. Cal delas se ha de abrir, paseniño, para que o asubío da madeira contra a pedra non esperte do sono profundo aos que dormen?

IMG_20160206_001620

Ou aos que aínda non se meteron na cama emperrados en alongar as horas de luz no medio do leito de tinta negra da noite, entre os aloumiños de cortinas que fan encaixe de Camariñas nas fiestras da zona vella.

IMG_20160206_000817

Mais hai paxaros engaiolados que non teñen medo de desfacerse do feitizo e devecen por voar e vivir a primavera do seu inverno, lonxe de flores de Camariñas que fan de barrotes.

IMG_20160205_233914

Voar para escoitar o son da gaita mudo baixo o aloumiño do arco de Acibechería que protexe os trazos do xiz que o vento non foi quen de borrar da madeira pintada.

IMG_20160206_000329

Coma os debuxos que xogan coas luces e sombras dunha hospedaría que te convida a entrar…

IMG_20160206_002017

E máis sombras, máis verbas escritas nos muros de Compostela que coa luz do novo día desaparecen agardando a recuperar a voz despois do serán.

IMG_20160206_134946

Voces con eco en rúas sen saída das que se “sae se podes”…

IMG_20160206_001301

Ou nas que as xanelas poden facer de chanzos para subir unhas escaleiras invisibles que che permitan aloumiñar a lúa ata que os luceiros deixen de palpabrexar e abran os ollos de todo co amencer.

Anuncios