Co lusco fusco do vento

abro a xanela e contemplo o horizonte,

observando cómo o bico da lúa

raña os luceiros pendurados do ceo,

máis aló, no fondo da escuridade amarga,

devezo por atopar o teu ollar buscando a miña luz.

E só atopo o baleiro da noite

humedecido polas bágoas do meu propio orballo,

que se adiantou ao amencer dun novo día.

O cuco xa dorme

e eu, aínda esperta, ansío meterme na cama

e que verbas que tanto boto de menos

fagan á vez de berce e de sabas,

adormercer na aperta de historias

que xa non me contan a carón dunha lareira

igual de comesta cás palabras doutrora.

Antes de pechar a fiestra,

miro de esguello por última vez,

coa esperanza de atopar ao meu contador de historias

xogando a conquistar a lúa.

De novo, a nada,

mantas frías na noite calada.


Anuncios