Etiquetas

, ,

Por todos é ben sabido que Facebook (e Instagram) son moi amigos da censura coma se tiveran algún tipo de complexo fascista. Seica queren recrear unha especie de ditadura virtual na rede? Un dos seus obxectivos principais é calar as voces dos corpos femininos, agochar tras da prohibición peitos e pezóns que, se por se aínda non se deron de conta, non son tan diferentes dos pezóns falangueiros dos homes. Un rapaz pode ter de perfil unha foto espido na praia, pero unha muller, ai como se lle ocorra publicar unha foto na que se vexa un pouquichiño de mamila!

Onte chegou aos meus oídos que unha moza que subira unha foto na que se vía parte do seu pezón foi sancionada coa retirada de dita instantánea, así que un grupo de mulleres argallaron rebelarse contra as políticas contraditorias do Facebook e, como estamos todas nun mesmo barco, decidín unirme á tripulación da barca de Lilith.

A verdade é que me daba algo de vergoña, non só polo feito en si de compartir unha peza do meu corpo, senón sobre todo por ter que enfrontarme de cheo aos meus peitos, á miña anatomía. Adoito estar do outro lado da cámara, así que non son moi amiga de que a retina do aparello fotográfico me olle tan de preto. Foi un reto, ser pintora e retratada, pero ao mesmo tempo, foi un acto fermoso, de ollar a miña realidade dun modo máis profundo que cando me miro ao espello antes de entrar na ducha. Reparar en cada trazo que da forma aos meus peitos e eses dous lunares coma se fosen petiscos que deixaron cicatriz. Fotografías a carón da ventá, preto da luz, como metáfora de rachar coas tebras que empañan as pantallas dos nosos ordenadores cortesía da censura Facebook.

Así que contei ata tres, premín o botón de “publicar” e compartín esa imaxe en branco e negro para denunciar por medio do arte o ilóxico que resulta unha política que supostamente prohibe os espidos pero con matices á hora da verdade. Tivo bastante boa acollida, xa non só polos likes, senón por comentarios que foron chegando en forma de mensaxes privadas de amigos e coñecidos.

ana2

Para min a fotografía é un xeito de compartir o meu ollar do mundo co resto da xente, para que por uns intres poidan mirar a realidade cos meus ollos, coma se portaran gafas cun filtro vagalume.

Tendo a ser a que se agocha tras da cámara á caza e captura de instantáneas que conxelar, pero de cando en vez non está mal enfrontarse ao obxectivo, ser pintora e retratada ao mesmo tempo. Enfrontarme á miña propiarealidade e unha vez creada a obra, compartila, aportar luz a un mundo das tebras no que os corpos semellan ser unha especie de ser inerte do que avergoñarnos.

Por que non falar a través do corpo, a través dunha imaxe, a través da miña realidade? E denunciar por medio do autorretrato as incongruencias desta nosa sociedade que se reflicten na rede a cotío.

Chegou aos meus oídos que unha foto dun pezón foi censurada a semana pasada (un pezón feminino, claro). Así que como todas nós estamos no mesmo barco e son pasaxeira da barca de Lilith, velaquí a miña arma de loita: fotografía, arte, corpo con voz propia.

Pero… Esta mañá agardábame unha sopresa na barra de notificacións.

cesnura0

Alguén de entre todas as persoas que deron coa foto, tivo a xenial ideal de me denunciar ante os tribunais de Facebook. O que ao principio parecía só unha alerta, tornou nunha conta de Facebook que pechou de golpe. Estaba eu ler os últimos comentarios cando, de súpeto, vin un “log out” ben grande en azul e despois, a nada, adeus Ana Souto Vagalume do Facebook. Por moito que metín o contrasinal unha e outra vez, sempre aparecía ese “non pode acceder”. Debeu de ser por cousa da miña insistencia que Facebook deu o brazo a torcer e concedeume unha segunda oportunidade. Iso si, non me ía liberar dunha lección polos meus actos de “nena mala”. Primeiro, informarme de que retiraran a foto de onte; despois, refrescáronme a memoria cun pantallazo da súa normativa; logo diso, tiña que repasar as miñas últimas fotos e confirmar que en ningunha aparecía espida. Menudas formas de proceder á reinserción Facebook… Un pouquichiño humillante, non si? (e triste, ademais de innecesario).

A miña reacción tan pronto puiden recuperar a miña vida en terras de Facebook, foi rebelarme contra o sistema e publicar de novo unha foto similar á que viñan de censurar. Porque, desde logo, Facebook non vai calar a miña voz nin a doutras mulleres:

an

Facebook, se non queres caldo, velaquí outra cunca e as que fagan falla.

#FREETHENIPPLE
Négome a ser vítima da censura. Quen me denunciara esta madrugada, que o volva a facer. Se me borran a conta do Facebook non vou derramar nin a primeira bágoa. Crearei outra conta e seguirei a tocarlle os collóns/ovarios a estes panocos.

Sentídevos libres de facela rular! A unión fai a forza!

PD: Non me arrepinto para nada da publicación de onte, de feito, tras a denuncia inesperada, aínda lle vexo máis sentido ao que onte dubida de se facer ou non. A min non me van calar e menos o meu corpo, coma se fose algo do que me avergoñar e agochar.

E por se alguén aínda non entendía a miña (nosa) reivindicación, publiquei un último post con foto que supostamente sería menos susceptible de ser denunciada por aparecer un pezón dun home ao carón do meu pezón de trazado feminino:

nipple.jpg

Does it really make a difference?

(e antes de que ninguén me denuncie, o pezón masculino foi subido con permiso do seu dono, nada máis que dicir).

Agora a agardar, a ver se chega unha nova denuncia ou Facebook me ilumina cun pouquichiño de sentido común e me deixa despregar as ás.

 

Anuncios