Etiquetas

, , ,

Para min a fotografía é un xeito de compartir o meu ollar do mundo co resto da xente, para que por uns intres poidan mirar a realidade cos meus ollos, coma se portaran gafas cun filtro vagalume.

Tendo a ser a que se agocha tras da cámara á caza e captura de instantáneas que conxelar, pero de cando en vez non está mal enfrontarse ao obxectivo, ser pintora e retratada ao mesmo tempo. Enfrontarme á miña propia realidade e unha vez creada a obra, compartila, aportar luz a un mundo das tebras no que os corpos semellan ser unha especie de ser inerte do que avergoñarnos.

Por que non falar a través do corpo, a través dunha imaxe, a través da miña realidade? E denunciar por medio do autorretrato as incongruencias desta nosa sociedade que se reflicten na rede a cotío.

Chegou aos meus oídos que unha foto dun pezón foi censurada a semana pasada (un pezón feminino, claro). Así que como todas nós estamos no mesmo barco e son pasaxeira da barca de Lilith, velaquí a miña arma de loita: fotografía, arte, corpo con voz propia.

ana2

Anuncios