Etiquetas

, , , , ,

“Non ten utilidade volver a onte, porque entón era unha persoa distinta” Alicia

alicia

Onte pola tarde tiven o privilexio de acudir cun amigo meu á inauguración da exposición “Alicia no país das marabillas” do artista Mingos Teixeira. A Casa das Artes de Vigo estaba ateigada de xente, de nenos e maiores percorrendo as salas de paredes altas e brancas salpicadas pola cor da paleta de Mingos Teixeira.

Unha exposición máxica que me enguliu entre as pinceladas de cores cálidas e frías, coma noutrora me deixara atrapar polas verbas de Lewis Caroll. Cadros co mesmo efecto que as páxinas de Antoine de Saint-Exupéry, que me permitiron ser nena no meu corpo de muller conforme descubría novos mares, novos lares e novas figuras.

Alicia dixera que non tiña utilidade volver atrás no tempo, mais eu considero que de cando en vez si necesitamos volver a sentir eses nenos do pasado que, sen sabelo, aínda levamos (ou debemos levar) dentro e que nos permitiron chegar ao presente do hoxe. Somos persoas distintas porque noutro tempo fomos nenos e nenas que pode que nunha tarde de chuvia ou quizais polo aburrimento dunha mañá de verán na que non ter nada que facer, caeron nas nosas mans obras únicas coma Alicia no país das marabillas e O Principiño. Pequenos adultos da literatura que viven e reviven en obras de arte coma as de Mingos Teixeira.

Na miña retina quedou gravado un cadro concreto, o da figura vermella que semellaba ser o contorno dunha venus vestida cos panos mollados de Fidias, a figura dunha muller envolta en teas vermellas que se movían por efecto envolvente dun vento invisible. E a pegada do que para min semellaban ser dúas flores, dúas papoulas vermellas que se fundían nese contorno en movemento. Quizais ese cadro, o último do meu percorrido polo país das marabillas de Mingos Teixeira, reflectía o meu propio periplo persoal, ese promenade do que falaba Solveira, o cambio de nena a corpo de muller.

Pinturas con voz propia capaces de su fusionar coa nosa propia voz, coa do observador. Cadros cambiantes segundo cada ollar diferente que pouse a súa mirada na pincelada máxica de Mingos Teixeira. Obras que teñen o efecto dese espello que Alicia se atreveu a cruzar, arte desde fóra e desde dentro, visionado da obra e introspección dun mesmo.

mingos teixeira

Ars mentem et cordem alit

(A arte alimenta a mente e o corazón)


Música coma compañeira de viaxe no corazón dos mundos de Alicia…

 

Anuncios