Estou farta de que me digan quen son e quen teño que ser, estou farta de que haxa xente que pensa que me coñece mellor do que eu me coñezo a min mesma. Estou farta de que me sinalen co dedo cada vez que tomo a iniciativa e non teño medo a me definir. Seica as súas definicións están mellor escritas que as do meu puño e letra…

Houbo un tempo (non moi afastado) no que me deixaba levar por esas miradas de desaprovación, eses comentarios sobre a miña persoa que malia o moito que me facían dubidar acababa crendo. Maréabame a posibilidade de que realmente tiveran razón. A miña primeira reacción era actuar á defensiva, encher de borralla as súas palabras cargadas de veleno, pero despois, tras meditar sobre esas verbas que nunca era quen de eliminar do pensamento, valoraba a posibilidade de que estiveran no certo. E se eu era esa rapaza á que eles dicían coñecer?

Sensible, insegura, medorenta… Atributos que supostamente me caracterizaban, pero todos eles cun matiz negativo que eu, inconscientemente, permitín que me afectara. Sentíame completamente perdida porque non me gustaba esa realidade e ao mesmo tempo non sabía como enmendala. Non sabía como deixar de sentir tanto e tan forte, non sabía como non ter dúbidas e medo en determinadas circunstancias daquela vida miña naquel momento. E pouco a pouco funme odiando por non ser quen de ter a vontade do cambio, da mellora. Estaba perdida nun mundo no que tiña verdadeiro pánico a non callar. Esas características miña podían ser a miña perdición e só eu podía modificalo, non si?

Ata que me dei de conta do dano que me estaba a facer ao odiar pequenas partes de min que no fondo formaban un conxunto do que en lugar de sentir noxo debía sentir admiración ou cando menos amor. E en lugar de basear os meus días en intentar cambiar, esforceime ao máximo en intentar comprenderme, en escoitarme, en descubrirme, en atoparme conmigo mesma para poder por fin definirme. Porque o odio baseado en fundamentos sen fundamento só conleva máis odio. Aprendín que o camiño era comprender e entender para acadar a meta da tolerancia que me permitiría subir as escaleiras do amor persoal. E non falo de narcisismo ou egocentrismo, senón dun amor igual de importante que o que sentimos polo mundo e a xente do noso arredor que o conforma. Porque por desgraza estamos constantemente absorbendo amor, buscándoo fóra, cando en realidade ten que manar de nós e complementarse co exterior pero non basearse únicamente no de fóra.

E comecei a ollar esa sensibilidade doutro xeito, comecei a collerlle cariño. Aféctame bastante tanto o bo coma o malo e iso pode ser unha tara, si, pero tamén algo marabilloso. Esa sensibilidade é o meu filtro á hora de ver e descubrir mundo e non o cambiaría en absoluto. E esa inseguridade, xa non a vin como tal, o que realmente me facía insegura eran esas definicións enganosas e distorsionadas que me facían dubidar e tropezar entre as pedras do camiño. Por vez primeira non tiven medo a deixar as miñas pegadas no chan, a camiñar con firmeza e coa ollada ben fixa na liña do horizonte. Foi quizais o comezo do meu empoderamento, de sentirme dona da miña pluma e dos meus bolígrafos. E tracei esa definición cambiante que toma forma segundo eu mesma vou descubrindo novas esencias da miña persoa.

Tanto me ten o que esa xente que antes me sinalaba pense de min, que máis dará! Non podo permitir que se convirtan en obstáculos molestos que pretendan impoñerme quen teño que ser ou deixar de ser. Porque sen dúbida, nesta vida o que nos fai fortes é sentirnos orgullosos de quenes somos e ser fieis a nós mesmos. No canto de agocharnos tras das definicións deses que din coñecernos, emerxer de entre as sombras e iluminar coa nosa luz as nosas propias verbas, que teñen cen veces máis forza que as palabras en boca doutras persoas.

A vida é unha aventura de autodescobremento, de coñecer novas partes de nós e lembrar outras que xa estaban a coller po nun caixón. A vida é unha aprendizaxe na que nós somos alumnos e mestres da nosa persoa como individuos. Un sendeiro no que nos enganamos e aprendemos dos nosos propios erros. Que ninguén te limite, descobre ti os teus propios límites e loita contra eles para superalos e superarte. Non teñas medo a definirte e non deixes que te definan.

Non teñas medo a ser ti mesmo e a berralo ben alto con voz firme. Nin tampouco teñas présa, tes toda unha viva. Vívea sendo ti!

 

Anuncios