Etiquetas

, , , , , , ,

Namorei deste Vigo de ceos celestes nos que ao reverso da tarde as nubes deixan a súa pegada branca coma escuma dos pailebotes que acariñan o espello ondulante da ría.

Vigo de raiolas dun sol que semella fonte de regueiros dourados que acariñan o perfil mouro dos pescadores que pasan as horas a carón do mar. As súas canas, trazos de tinta azibeche no ceo, coma as letras que os mastros dos navíos debuxan no fondo azul cambiante.

Sentada no peirao do Náutico que treme co baibén das ondas que danzan co vento, diviso a liña do horizonte e a chegada e partida de barcos que aparecen e desaparecen, coma engulidos polo Atlántico.

Enfeitizada polo murmurio do océano, pecho os ollos e mergúllome no son das augas que arrastran segredos de tempos pasados, de lusco fuscos de terras de lonxe revividos en cada novo serán. O ceo azul torna rosado, coma pinceladas de campaña mesturadas coas cores dunha paleta impresionista.

E entón as primeiras luces da noite comezan a palpitar ollando de esguello a ese último mariñeiro que lanza un último mexillón ao fondo do mar con esperanzas de que algún peixe se achegue ao peirao de madeira.

Eu, pechei os ollos e mergullei.

Vigo (2)

Vigo (1)

Vigo (3)

Vigo (4)

Vigo (5)

Vigo (6)

Vigo (7)

Vigo (8)

Vigo (9)Vigo (10)


“Mergullei” de Guadi Gallego

Música para acompañar o texto e as imaxes dun Vigo de azuis e rosas que se mergullan no mar.

Anuncios