Etiquetas

, , , , , , , , , ,

“O solpor mírase sempre con saudade” Manuel Arca


De cando en vez, nesas tardiñas nas que a brisa acariña as miñas meixelas, pecho os ollos e intento volver a sentir o bico do vento escandinavo na pel, coma naquelas tardes de comezos de xuño que pasaba a carón da lagoa de Falum. Co meu pincel invisible e a miña paleta de cores verdes e azuladas intento debuxar o espello de prata no que tantas veces vin como o sol se mergullaba, ata desaparecer tras das árbores tinxindo o ceo de ondas rosas e laranxas. Podía pasar horas e horas contemplando a paisaxe con ollos impresionistas, tentando percibir esa natureza cambiante no horizonte por efecto dunha luz con vida propia. E co meu caderno entre as pernas, deixaba voar a pluma de tinta negra sobre o papel, transformando as follas brancas en regueiros de verbas que se ían amontoando.

Paz e harmonía en simbiose perfecta cunha inspiración que tamén me acompañaba nas viaxes en tren que se consumían con viaxeiros que baixaban e outros que subían. A mesa tremía co murmurio das rodas dun tranvía que semellaba ter escapado dun fotograma de Polar Express, mais non podía parar de escribir mentres se sucedían as pradarías dun intenso verde salpicadas de flores amarelas que contrastaban coas casiñas de madeira vermella. Cando despegaba o nariz desa futura novela aínda en proceso, pousaba a mirada nos cadros en movemento de Carl Larsson que aparecían tras do cristal da fiestra. A música de orixes suecas e noruegas do meu reprodutor de música sentíase de fondo, Aurora e Hana Turin poñían voz a esas paisaxes que nunca antes vira pero que semellaba coñecer de sempre, coma se estivera na casa a pesar de estar lonxe.

Suecia quedou atrás mais o seu solpor segue impreso nas lembranzas de tempos no norte europeo. Descubrindo e redescubrindo un país ata entón practicamente descoñecido, quedei namorada dos seus ceos dun profundo azul cián ás veces con nubes coma trazos de pintura branca difuminada polo vento. Lar no que quizais quedou o rastro dos meus pensamentos vaporosos que con saudade intento revivir conforme paso as follas do  meu caderno e pecho os ollos para por uns segundos polo menos, volver a aqueles lusco fuscos de augas silenciosas e raiolas de sol debuxando regueiros de luz no horizonte.

Vou tras do solpor escandinavo, buscando aqueles atardeceres que antes ollaba intentando atopar o meu fogar Atlántico. A miña barca, os acordes daquela música que escoitaba.



Fotografía: Ana Souto Villanustre

Anuncios