Etiquetas

, , , , , , , , ,

Ai que ben que estou a saborear os últimos minutos de liberdade, as 23:16. Xa falta menos para que o cuco de o pistolezado e a Lei de Seguridade Cidadá nos dea os bos días na mañá dun 1 de xullo desde logo histórico.

Hai cousa dun ano estaba a me manifestar na Praza do Toural en Santiago de Compostela coa miña camisola negra cunha bandeira da II República estampada en diante. Alí estabamos os roxos da cidade da Berenguela coas nosas faixas e bandeiras reivindicando a convocatoria dun referéndum tras ser noticia a abdicación do rei. Quen mo ía dicir a min, que con 18 aniños vería deixar o trono a Juanca! Mais a festa durou pouco, xa había un substituto ao trono. Nin primeiro ministro nin farrapo de gaitas, un novo rei en toda regra, por suposto. Que é iso de que “España mañana será republicana”?

Así que o que ata entón para min fora o encargado de entregar os Premios Príncipe de Asturias converteuse da noite para a mañá en rei dunha monarquía parlamentaria que xa cría fungos, vermes e ratos. Porque feder fede, que debe de chegar o cheiro a outros países que tal bailan. Que estamos a falar dunha institución feudal, nada máis e nada menos que do Medievo! Vamos a ver, que xa choveu moito daquela, ou é que non se decatan? Non serán horas de que cambie a cousa? Que ver aos mesmos xa cansa… Se polo menos os ollos fosen cambiando de xeración en xeración, pero aínda por enriba, a mesmiña mirada azul. Non teño nada en contra da xente con ollos craros, pero o de innovar tampouco está nada mal, porque haber habería pouca diferencia habería se se fai o cambiazo nos cadros de Goya e poñemos ao que fora rei ata agora.

Moitas persoas virían co conto de “de pouco vale que non teñamos rei se os políticos son os mesmos”. De certo que en parte non se enganan, pero aínda así, independientemente de que moitos dos nosos males se deban a estes nosos ben queridos politicallos, considero que absolutamente tódolos representantes do Estado Español deberían ser elixidos o día das eleccións. Por que Felipe si e eu non? Porque o das cuestións de sangue en pleno século XXI é de risa… Que xa non estamos en tempos de “tanto monta, monta tanto, Isabel coma Fernando”.

Institución ademais en decadencia, porque o que se di populares, moi populares non son. Quen lle vai ter estima a unha familia que ten por elemento -aínda que sexa postizo- a un home que aproveitándose do seu título nobilario rouba canto quere? Que si, que os políticos tamén rouban, iso sabémelo todos e sábeno eles, mais ata non hai moito a familia real era “intocable”. Pero sempre foron xente coma nós, de carne e óso! E a xustiza é para todos por igual, que cidadáns son tanto os que viven na Zarzuela coma aos que botan os bancos da casa.

Que eu non lles gardo rencor, o odio só leva a máis odio. Son xente coma min e coma o meu veciño do lado, pero por iso mesmo non comparto que gocen dunha serie de privilexios. Vamos a ver, que non somos parvos, que sabemos de que pé coxea a nosa raíña… Porque digo eu, a que foi roxa é e será, ou iso espero. A ver se é certo o de que ten unha das contas máis influíntes do twitter e se acaba descubrindo que retwitea chistes negros e ten que dimitir. Se dimite ela… tamén o fara o King non? “Por el amor de esa mujer…” fara o que sexa (ela tamén cambiou de beirarrúa política no altar da Almudena).

Ai co moito que os quero eu que a partires de mañá non lles vou poder nin dar as grazas pola enormísima labor que fan no día a día, non vaia a ser que se interprete coma un texto co retranca e mensaxe subliminar. Hoxe en día hai que andar con moito tino, porque dáme a min que se fai falla as prazas en Soto do Real hanse de ampliar para que ningún cidadán queden sen cama no cárcere. Bendita reintegración social!

Pois nada, supoño que desde o 1 de xullo as nosas maxestades se convertirán nunha especie de “eses que xa sabedes” ao máis puro estilo Lord Voltdemore -sí díxeno, vaime caer o meigallo da Lei Mordaza enriba, pobre de min- e as bandeiras republicanas deixarán de ondear nas rúas porque non haberá xente que as leve nas manifas (porque iso tamén desaparece, non?).

Ben, as 23:42, aínda teño tempo de facer unha sentada na estrada que pasa a carón da miña casa, pódome subir ao tellado con megáfono e sen el, podo ir cunha camisola verde pola beirarrúa de STOP desafiuzamentos e xa se iso parar algún e… brindar pola Terceira con Estrella Galicia -o botellón tamén se prohíbe. Así que, ata dentro duns minutos, señor e señora X! Se non vos importa, seguirei a saborear a pouca liberdade que me queda, sen mordaza, claro está, que eu son máis amiga das verbas. Un biquiño de boas noites, que malo será!

Anuncios