Etiquetas

, , , , , , , , , , , ,

Comezou a conta atrás, quedan só unhas horas para dar luz verde a unha das leis que máis controversia causou desde que foi anunciada. Aínda que a verdade é que o PP está de racha desde que gañou as eleccións hai cousa de xa catro anos… As súas propostas non semellan ter moito éxito entre a cidadanía. Ser son populares, mais en forma de manifestacións e concentracións pacíficas que se suceden en vilas e cidades de todo o territorio español. Será por iso que o goberno decidiu tomar cartas no asunto e limpar as rúas do que probablemente para os da gaivota azul non somos máis ca escoura molesta que berra (sen cazarola, porque o peto está case baleiro, pero con bos pulmóns e voz potente sen necesidade de gastar en megáfono).

O de reunirse máis de tres ás portas do Congreso ou do Senado xa non vai estar tan ben visto, polo que aos grupos de asiáticos que saen en masa dos autobuses turísticos deberían informalos previamente de que tanta cámara xunta non é legal. Igual quedan choscos os leóns do Congreso que xa van algo vellos co flash. Os das empresas que se forran con carto chino e xaponés téñeno ben fácil, cambiar a visita por un anaco extra na praza Vodafone e apañado, que han de ter bo wifi cando menos. Outro deses cambios para facer de Madrid unha cidade moderna… Pero que non monten festa os cidadáns doutras comunidades, que a lei tamén afecta ás concentracións cerca das institucións parlamentarias. Se é que os peregrinos que cheguen a Santiago e por falta de sentido da orientación se metan polo Hórreo e non pola rúa de San Pedro aínda van ter problemas cos nacionais… Será cousa de dominar ben as matemáticas. Tres multitude, dous… tamén? En definitiva, que a berrar ás nosas casas (porque esa si é república, e independiente!).

Que máis, que máis… Que a lei ter ten boa miga! Os amantes da fotografía, sobre todo dos roubados -caracterizados por esa sede por capturar instantáneas do día a día e amosar a verdadeira esencia dunha cidade-, que se esquezan de conxelar co seu obxectivo a calquera tipo de policía xa sexa por diante ou por detrás. E o do filtro ao máis puro estilo instagram tampouco serve para eludir este apartado da lexislación mañá vixente. A moda esa de bombardear as redes sociais con policías con ou sen porra na man morrerá tan pronto coma dean as doce da noite e España durma baixo un ceo cambiante. Así pois, o de achegar probas a algún compañeiro de oficio no caso de denunciar o uso de forza excesiva nun determinado acto vai estar bastante complicado… Haberá que ir ás manis con retratista contratado por cada sindicato, porque o do carboncillo e papel non se considera fotografar, non? Sería unha boa saída laboral para os de belas artes en tempos de crise. Algo é algo…

Difícil tamén o teñen os de STOP Desafiuzamentos a partires de mañá e é que se agora xa non era sinxelo parar á policía ás portas dun fogar embargado, a nova e marabillosa Lei para a Seguridade Cidadana convetirase nun obstáculo en forma de muro de formigón armado. Se protexer á cidadanía é botala da súa casa e condenala a vivir na rúa… España non é dos países máis inseguros de Europa, pero o de vivir ao aire libre non vexo eu que sexa algo que un goberno debería amparar. Eu creo que nos están a vender boi por vaca, porque máis que unha lei para a cidadanía eu diría que se trata dunha especie de Lei para a Seguridade da Banca, non si?

Pero de tódolos xeitos non todo son malas noticias, a pesar de que nun primeiro momento se poida ter a sensación de que a lei ataca no canto de protexer á cidadanía, hai un apartado bastante concienciado coa saúde dos posibles manifestantes. Porque supoño que o de prohibir as protestas nas alturas será por cuestións de evitar que algún espelido de máis abra a cabeza (ou en realidade é unha artimaña para aforrar cartos en sanidade no caso de se producir un accidente?). Non podemos ser tan mal pensados… Ante todo, a seguridade cidadana está garantizada nese aspecto, iso si, ao carallo co do medio ambiente! Mentres a cidadanía esté segura, que lle den aos do Greenpeace con complexo de koalas subindo muros e paredes. Van ter que cambiar de táctica e atopar un novo punto estratéxico para as súas faixas e pintadas. Con todo, non deben de saber moito inglés estes nosos políticos porque que eu saiba a paz verde non deixa de ser paz. Quizais de chamarse Bluepeace, máis acorde coa súa marca… Está claro que cada un varre para a súa casa.

Aínda que pensándoo ben, tanto lles ten paz verde que azul ou amarela… Que as sentadas desde mañá tampouco serán ben vistas! A resistencia pacífica ten as horas contadas. Que a ver, quen queira facer perdurar o espírito das reunións tranquilas está claro que por poder pode, pero sempre e cando na conta do banco teña unha boa cantidade de pelas no caso de que a policía decida disolver aos manifestantes pacíficos. Porque as multas teñen demasiados ceros me parece a min, aínda que haber tamén as hain leves. Habería que consultar a táboa das tarifas antes de saír da casa.

Así a todo estamos nunha España contraditoria, na que se invisten auténticas millonadas en trens de alta velocidade por aquilo de “avanzar” e se aproban leis que en lugar de ir cara adiante van cara atrás. Mais de que nos vamos sorprender se no ámbito da educación a situación non é moi diferente! Os libros de historia deben de nos estar a mentir e pode que a España de hai cincuenta anos fose a da gloriosa liberdade de expresión, xustiza e igualdade.

Pois nada, que as mordazas marcarán tendencia este verán e nos meses sucesivos, terémonos que ir afacendo a unha España cambiante na que os nosos politicallos, por desgraza, teñen un concepto diferente do cambio. Pero que se lle vai facer! Pode que o que a solución sexa inaugurar unha Place da République con sede da Charlie Hebdo nunha esquina a ver se así Mariano atopa a inspiración e falar deixa de ser pecado capital.

Pero, un momento… entón como sería agora iso de España… Una, grande, ¿libre?


Anuncios