Etiquetas

, , , , , , ,

Cada vez que alguén asegura que o galego non é máis que un dialecto do castelán férveme o sangue. Dicir que o galego é un dialecto é matar unha lingua con vida propia, recoñecida por un estatuto de autonomía e amparada polos seus falantes. Galego e castelán son linguas irmás por procederen do latín, pero a lingua galega evolucionou por separado, forxando unha gramática propia, un vocabulario e sobre todo, un estilo moi marcado que a xente semella ignorar polas similitudes do español e do galego. Mais non, o galego non é unha simple variante do castelán, o galego é a lingua de Galicia, a lingua dos galegos e galegas, de achega cultural e divulgación de coñecemento.

Sentada na terraza dun albergue valenciano mentres estaba a escribir no meu caderno, non puiden evitar poñer a orella ao sentir que un grupo de canadenses estaba a falar das dificultades de aprender o español en función do país de fala hispana. Con eles estaba sentada á mesa unha rapariga australiana na que xa me tiña fixado na hora do almorzo, unha aventureira que ao parecer ten costume de viaxar en compaña do seu libro de viaxes.

A rapaza de Australia, a única que falaba español do grupo, expuxo a súa teoría de como o Perú era o destino ideal para perfeccionar o español ou comezar de cero. Que se o acento, que se o vocabulario que empegaban, que se isto e aqueloutro… Asegurou que Colombia e Venezuela non eran lugares moi recomendables polo xeito no que falan os seus habitantes e que desde logo se ela falaba tan ben era por obra e graza dos cidadáns peruanos, cos que conviveu durante cousa de catro meses. Falaba coma se fora unha auténtica hispanista… Eu non é que controle moito das diferentes variantes do español e tampouco se me dá moi ben diferenciar acentos incluso no propio Estado español, pero non podía evitar sentirme en certo modo indignada ao ver os aires que se daba ao se aproveitar da ignorancia da súa audiencia.

“E por suposto, descartade España”. Quedei pampa, resulta que España non era un bo lugar para aprender español e segundo ela, o motivo era que a gran cantidade de dialectos do territorio español dificultaba o traballo aos futuros falantes de español. “Pensade en Valencia, en Cataluña, Andalucía… Sonvos dialectos”. Estiven a piques de saltar dun chimpo da cadeira e meterme na conversa, pero non me quedou outra que apandar e calar. Mais ela continuou a falar sobre os seus amplos coñecementos dialectais (non sei onde leu ela que o catalán era un dialecto, pero se é feliz pensando que en España só temos a sorte de falar castelán, alá ela).

Deille voltas e máis voltas e conforme seguía a falar aínda tiña máis gañas de lle dicir un par de cousas. A miña compañeira de vaixe, que ben coñece o meu espírito rebelde e inconformista, fulminoume coa mirada. De non ser polos seus ollos asasinos, teríame levantado e desde logo que a rapariga das antípodas me ía ter que escoitar durante un bo anaco. Porque en España non só temos dialectos, España é un dos países -por fortuna- máis ricos a nivel lingüístico e é que temos o privilexio de poder dicir que ademais do español, hai outras linguas con identidade propia. Hainas oficiais e outras linguas que non están recoñecidas nos estatutos das súas autonomías (grave erro), pero todas elas forman parte dese gran tecido lingüístico que marca a diferenza con respecto a outros países. Cada lingua, ademais, reflicte o paso das diferentes culturas que se asentaron na Península e deixaron a súa pegada sobre todo no léxico.

Gustaríame terlle berrado “Ai si? Seica eu falo un dialecto que non é do teu gusto e por iso fuches a Perú a aprenderes español? Pois non, eu falo dúas linguas, e coma min, moitas outras persoas. E perfectamente. Cos nosos acentos, pero español e galego”. Que eu saiba nin no País Vasco, nin nas Baleares, nin en Galicia -por poñer algúns exemplos- falamos un español indigno de ser estudado por un estranxeiro. Pode que si teña algún trazo característico por influenza do vasco, catalán e galego, mais son pequenos detalles, como “coger al niño en el colo” ou “¿qué hacen en la televisión?”. Español do País Vasco, español das Baleares e español da Galicia, mais non deixa de ser español. Nin dialectos nin farrapos de gaitas!

De certo que me sentín ofendida. Quen se cría ela para estar a opinar sen ter ningún tipo de coñecemento? Porque co que falou, podo dicir que idea non tiña moita. No meu caso, tendo a calar cando non sei do tema que se está a falar, porque para meter a zoca, mellor ter a boca fechada. Dicir que eu, sendo galega, falo un dialecto… Estou cansa de escoitar ese tipo de cousas tanto de xente española que só fala castelán coma de estranxeiros que cren sabelo todo e non saben nada. Sentín que estaba a anular unha parte de min, da miña terra e do meu país, porque si, teño a sorte de dicir que me sinto orgullosa de vivir en Galicia e de vivir en España, de vivir nunha comunidade autónoma bilingüe e nun país no que as linguas son riqueza, por moito que haxa persoas que se esforcen en atacar esa valiosa diversidade.

E a quen non lle guste, que marche para Perú, onde probablemente en menos dos catro meses que a australiana estivo aló, descubran que afortunadamente aínda quedan indíxenas que conservan a súa lingua. Dialectos tamén?

Anuncios