Etiquetas

, , , , , ,

Son desas cidadás do mundo con corazón galego que cada vez que viaxa leva por bandeira a franxa celeste que percorre o branco das noites craras de luar. Vaia a onde vaia levo a miña terra impresa na pel e intento transmitir ese meu espírito ás persoas que se van cruzando no meu camiño. A pesar de que normalmente son eu a que deixa a pegada galega nas rúas e ruelas das cidades que visito, nesta última miña viaxe valenciana, a capital do Turia e o Miguelete deixou a súa pegada galega en min.

Barrio del Carmen

Barrio do Carmen

A miña compañeira de viaxe e mais eu, malia que entre nolas dúas adoitamos falar castelán, propuxémonos facer pulular polo aire verbas galegas nunha cidade na que os laranxeiros están impregnados por versos no valenciano medieval de Ausias March. No metro, na Plaça de la Verge, no Parque de Cabecera dos xardíns dun Turia desaparecido, falabamos na lingua dos nosos avós e por un momento semellaba que levaramos a falar galego entre nós desde o primeiro día no que nos coñecemos en Vigo. Quizais fosen imaxinacións miñas, pero eu diría que había xente que ao pasar polo noso carón ficaba a nos mirar de esguello, non sei se por obra e graza do idioma ou porque as xentes galegas tendemos a berrar bastante (eu polo menos). O que si podo asegurar é que dúas vellas estaban a falar entre elas e a nos escoitar prestando atención á nosa conversa para averiguaren que lingua estabamos a falar.

Aínda máis fermoso que dar vida ao galego en terras de Sorolla e Ribera era presenciar a mestura de dúas linguas minoritarias que se entrecruzaban en certos momentos pola rúa. O noso galego da man do valenciano que lle sentín falar a algunha parella que atopei polo camiño. O mesmo sentimento que cando vía algún cartel de “Oltra València és posible” ou un “Podem” escrito no muro dunha casa do centro.

Lonja de Valencia

Rúa próxima á Lonxa

Galego na rúa mais tamén galego no que pasamos unha das mellores semanas da miña vida, con xentes do mundo reflictindo esa idea de gran familia humana na que as nacionalidades só facían acto de presenza cando chegaba algún novo camiñante e formulaba a pregunta estrela “e ti de onde vés sendo?”. Malia non decatarme nun primeiro momento, acabei dándome de conta de que o televisor estaba a falar en galego. Alguén puxera a TVG e estaban a botar o telexornal mentres os canadenses e portorriqueños preparaban a cea na cociña, sen saberen que a miña Galicia natal traspasara a porta da sala común. A pesar de que cando saín das páxinas do libro que estaba a ler me sentín perdida por uns segundos, non puiden evitar sorrir ao ver aos xornalistas que tantas veces me acompañaran á hora da cea na casa. Curioso ante todo e ao mesmo tempo todo un misterio. Nos sofás só estaba eu, quen cambiara de canle? Non sería a única noite de telexornais con son galego.

Jardines del Turia

Xardíns do Turia

O galego volvería a me visitar na terraza do hostal nunha tarde, como non, de ceos despexados e sol potente. Todo grazas a un rapaz de Porto Rico co que comezamos a falar de que lugares visitar en Galicia e acabamos falando en galego por petición propia. Foi el quen nos preguntou polo galego e nos pediu que falaramos entre nós e con el en galego para saber se había tanta diferenza cun portugués que aprendeu a falar xa hai tempo. Foi sen dúbida un xesto que aprecio moito, pois moitas persoas ou ben ignoran que en Galicia se fala algo máis que o castelán ou pensan que o galego non é máis ca un dialecto, un castelán con acento diferente. Mais el non, el sabía que en Galicia somos bilingües -con sorte- desde que nacemos.

Un rapaz de Palencia tamén nos preguntou polo galego cando estabamos a cociñar. Un “como se di hola en galego” deu paso a unha conversa máis que interesante sobre o uso do galego nas diferentes zonas de Galicia e a súa presenza na escola como lingua de estudo e lingua vehicular. Fíxome graza ese “e a onde vai parar o 1% da lei do PP de educación?”. Ademais de que a estes nosos políticos lles fallan as matemáticas, tamén lles falta concienciación coa terra.

Centro de Valencia

Edificio da zona vella

Porto Rico, Palencia… Mais tamén coñeceriamos a un valenciano co corazón dividido entre a súa terra e o noso lar. Todo pasou por casualidade (ou foi unha desas causalidades polas que se renxe este noso Universo?). Levabamos buscando a Praza do Carme desde había ben de tempo -en realidade sempre estiveramos moito máis cerca do que pensabamos- e finalmente sentamos nun dos bancos a carón da igrexa que lle dá nome a un dos barrios máis fermosos da cidade. Estabamos a piques de sacar os nosos cadernos para escribirmos embaixo das árbores en flor cando ámbalas dúas sentimos o son dunha gaita. Levantamos dun chimpo e seguimos os pasos da música coma se foramos dous ratos guiados polo flautista de Hamelín. E velaí estaba o edificio no que a Casa de Galicia de Valencia estaba a organizar un acto para render homenaxe ás Letras Galegas. Convidáronnos a entrar, un home de Ourense e unha muller de Noia, con vaso de Albariño na man. Alí estabamos nós, en pleno corazón de Valencia con música da nosa terra voando entre as ramas dos laranxeiros.

E entón coñécemolo a el, a un valenciano amante do noso folclore que non puido evitar emocionarse ao nos contar que xa levaba catro anos tocando a gaita e coñecendo máis e máis sobre o noso mundo. “Sodes afortunadas, a vosa cultura é increíble” e non puidemos evitar sorrir ao escoitar dun valenciano que a nosa música valía a pena malia non ter nada que ver co flamenco que se vende máis aló das fronteiras españolas. Non lembro se lle chegamos a dar ou non as grazas, mais admiro a esas persoas que sen seren galegas, gardan un anaquiño do seu corazón para unha terra máxica.

Casa de Galicia

Gaiteiro da festa da Galicia

Cidadá dun mundo no que mentres algunhas fronteiras están máis marcadas ca nunca, outras van desaparecendo pouco a pouco. Cidadá nun mundo no que Galicia sempre será ese fogar que outras persoas buscan durante toda a súa vida. E é que Galicia lévase no corazón e por moi lonxe que estés, por moito tempo que botes fóra, Galicia vai a ti ben sexa a través das augas do Atlántico ou dun mar Mediterráneo do que xa namorara e volvín namorar.

E para os que digan que o galego non serve de nada, que se molesten en ollar ao seu arredor e escoiten en lugar de simplemente oír verbas en idiomas diferentes. As linguas non desunen, unen, por moi diferentes que sexan os alfabetos, as fonéticas ou os seus falantes. Grazas ao galego coñecín a un palenciano que soña con volver ao Nepal a través da fotografía, a un portorriqueño con gañas de sentir as campás da Berenguela e a un valenciano que torna Valencia en galega.


Anuncios