Etiquetas

, , ,

Esta lacra ten que rematar, temos que poñerlle fin a tantas mortes, a tantos asasinatos, a tantos feminicidios que semellan ser unha constante nunha sociedade machista e noxenta na que hai unha clara carencia de educación baseada na igualdade de xénero.

Non podo evitar levarme as mans á cabeza tras descubrir que unha muller de 65 anos morreu acoitelada polo seu marido na habitación do hospital no que levaba ingresada desde o 3 de abril, despois de recibir unha brutal paliza dun home que asegurou á policía que os golpes e feridas foran froito do ataque dun grupo de ladróns que entraran na casa na noite do 2 de abril.

A pesar de que a Garda Civil denunciara un posible caso de violencia de xénero e propuxo que se establecera unha orde de alonxamento que supostamente foi denegada nos xulgados por falta de probas, non se tomaron ningún tipo de medidas para garantir a seguridade da muller ingresada. Así funciona a xustiza no noso país, parece ter máis peso unha historia inventada por un home potencialmente perigoso que o ditame da Garda Civil que socorreu á muller ferida.

Os medios tampouco pareceron darlle importancia a un feminicidio que se puido ter evitado. Basta con analizar os medios nacionais do día posterior ao asasinato, cando saíron á luz os feitos. Por suposto, é moito máis importante falar das eleccións do 24 de maio, da loita entre Podemos e Ciudadanos, da vitoria inesperada de Cameron grazas á maioría absoluta que sorprendeu a tódolos medios…

Por non falar da cadena Ser, onde dedicaron gran parte do tempo en dar voz aos pobres futbolistas do noso país que están de folga porque os seus privilexios como deportistas que lle dan patadas a un balón cobrando soldos astronómicos se van ver prexudicados. Desde logo nun país onde o opio do pobo é o fútbol ten moita máis importancia que Xabi Alonso secunde ou non a folga a que unha muller morrera na habitación dun hospital a mans do seu marido. Violencia de xénero difuminada, coma sempre, polo grande deporte nacional. O fútbol non semella ser vítima desa espiral do silencio creada polos medios, curioso.

Que os medios den máis voz a futbolistas -que non me dan pena ningunha- ou a politicallos que se ven afogados conforme o tempo vai pasando e se achega o día decisivo, reflicte a triste realidade dunha enfermidade crónica que se ve potenciada polo silencio. E non falo de bombardearnos de información morbosa con datos innecesarios como acontece en determinadas ocasións nas que hai regueiros de sangue de por medio, senón de visibilizar, de non apartar a mirada dunha realidade indignante e aberrante. Tal e como dixo Elie Wiesel, Nobe da Paz 1986, “ante as atrocidades temos que tomar partido. O silencio estimula ao verdugo”.

Primeira muller asasinada a mans dun home en Galicia, 11 xa no que levamos de ano no Estado español. Pero as mortes forman parte de estatísticas nas que habería que incluír a moitas outras mulleres que día  a día viven na súa propia pel todo tipo de maltrato psicolóxico e físico. A morte é a fin dun longo camiño tinxido polo machismo imperante na sociedade que non podemos negar.

Existe un claro problema de falta de educación. A solución non está en poñer parches, en coser feridas temporalmente. As campañas contra a violencia de xénero están ben para concienciar á sociedade, o 116 ofrece a posibilidade de que as mulleres maltratadas reciban axuda, pero inicitivas dese tipo que foron emerxendo nos últimos anos non enmendan o problema real.

Non se trata de que unha muller maltratada teña a coraxe de encararse ao marido e atraverse a escapar dun fogar convertido en inferno; non se trata de que unha muller maltratada se atreva a premer os tres díxitos do número contra a violencia de xénero; non se trata de que os amigos e familiares da maltratada lle axuden a escapar desa escuridade absorbente. Trátase de educar, de concienciar desde a base, desde a infancia, de que a sociedade sexa consciente de que home ou muller, todos e todas merecemos o mesmo trato, de que home ou muller, todos e todas somos iguais. A muller non é responsable de atopar a cura a unha enfermidade secular, a muller non é a culpable, a culpa tena a sociedade.

Vamos a seguir permitindo que en pleno século XXI continúen a imprimirse xornais con titulares manchados polo sangue dun novo caso de violencia de xénero? Monotonía xornalística e social que non podemos normalizar, porque a lacra que botou raíces no no Estado español é un problema de todos e todas ao que en conxunto temos que poñer solución.

Que non nos vendan ideas erróneas con cada novo 8 de marzo ou un novo espertar nun 25 de novembro. Dous días do calendario marcados pola pegada lila que reivindica dignidade, xustiza e igualdade, dous días para visibilizar unha batalla que só e posible de gañar de loitarmos día a día. “A violencia é un problema de tod@s”.


Concentración que tivo lugar na tarde do 9 de maio ás 20.00h na rúa Príncipe en Vigo.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios