Etiquetas

, , , , ,

“O mar ao que cantou Joan Manuel Serrat converteuse na fosa común de milleiros de emigrantes ilegais de África, Oriente Medio e Asia que buscaban unha vida mellor en Europa” (El Universal-El Mundo, 26/04/2015)


Unha Europa cega

Os motivos polos que chega xente a Europa son diversos. Hai persoas que abandonan o seu país para fuxir da persecución política ou da guerra e buscan asilo en Europa como refuxiados. Outras persoas, en cambio, son emigrantes que escapan da pobreza e do desemprego no seu país, buscando un mellor futuro para eles e as súas familias en continente europeo.

MOAS rescue 105 migrants in rubber dinghyPhoto: Darrin Zammit Lupi/MOASConforme foron aumentando as cifras de emigrantes e refuxiados, os países europeos foron modificando as medidas de control nas fronteiras nos últimos anos co obxectivo de evitar a chegada masiva de emigrantes irregulares procedentes de países africanos e de Oriente Próximo. Moitos destes emigrantes e refuxiados son deportados aos seus países de orixe, onde corren o risco de ser vítimas de violacións dos dereitos humanos.

Vítimas de mafias que chegan a cobrarlles mil euros pola pasaxe, atravesan o mar Mediterráneo en barcos ateigados de xente, sen auga nin comida durante días á intemperie e correndo toda sorte de perigos nun mar que non é seguro. Con todo, unha das medidas adoptadas por parte de certos países en Europa foi a de reducir o número de patrullas de salvamento con plans de seguridade pouco efectivos, o que incrementa as cifras de afogados en augas do Mediterráneo.

Mentres nalgúns deses países europeos os gobernos discuten sobre como repartir aos refuxiados que queren cruzar a fronteira, mulleres, homes e nenos morren agardando unha solución. Chamadas de alerta ignoradas, debates que se prolongan durante días e o Mediterráneo, convertido en cemiterio, continúa a acumular novas mortes.

mediterraneoNo ano 2013 intentaron chegar a Europa 60 mil persoas, no 2014 foron 170 mil e no que levamos de ano 60 mil persoas. O aumento dos emigrantes e refuxiados débese á fuxida masiva de persoas que escapan da guerra en Siria e Libia; nos últimos meses fuxiron de Siria un total de 4 millóns de persoas. A tensión en Oriente Medio, a fame en África e a falta de traballo, o espertar árabe en países como Túnez ou Exipto e o aumento da trata de persoas tamén explican o crecemento da tasa de persoas que intentan cruzar as fronteiras europeas.

A falta de transparencia e de políticas de salvamento adecuadas nas fronteiras atentan contra os dereitos humanos dos refuxiados e emigrantes que agardan no mar ás espera de axuda que moitas veces non chega. Mentres tanto, unha Europa cega segue a negar a realidade dramática que se vive a diario nas augas dun Mediterráneo en loito.


Como paxaros engaiolados

“Todo o mundo, incluíndo a todos os emigrantes e persoas en busca de asilo teñen o dereito á liberdade de movemento. En principio os emigrantes e os refuxiados non deberían ser detidos por cuestións de control migratorio. Buscar asilo ou estar nunha situación de irregularidade non é un crime. A liberdade é a norma. A detención debe ser sempre a última opción” (Amnistía Internacional, SOS Europa)

detentionUnha das medidas disuadorias para frear a chegada de emigrantes e refuxiados é deter ás persoas que conseguen chegar a Europa. As detencións poden prolongarse durante longos períodos de tempo nos que os detidos poden chegar a vivir en condicións bastante precarias, ademais de que algúns países aplican a lei pola súa man. Baixo ningún concepto se deben dar detencións arbitrarias e innecesarias, pois existen outras medidas.

Cada ano 600 000 homes, mulleres e nenos son detidos en Europa por cuestións de control migratorio, a mairoría das veces sen estar respaldadas por unha decisión xudicial. A Unión Europea, ademais, permite que un emigrate chegue a estar detido durante un máximo de 18 meses a pesar de non ter cometido ningún tipo de crime.

27000 emigrantes foron detidos en Reino Unido no 2011. 2,000 eran nenos e nenas
6 902 emigrantes foron detidos en Bélxica no 2008
1 645 emigrantes foron detidos en Suecia no 2008
356 nenos emigrantes foron detidos coas súas familias en Francia no 2010
100 menores que non van acompañados das súas familias son detidos a miúdo en Grecia, aínda que as cifras poden variar en función do día

S.O.S. Europa

amnistia6Amnistía Internacional lanzou a campaña S.O.S. Europa na defensa dos dereitos humanos dos emigrantes, refuxiados e persoas que buscan asilo en Europa e nas súas fronteiras. Con esta inciativa búscase darlle voz aos milleiros de emigrantes que poñen a súa vida en risco en augas do mediterráneo e carecen de protección por parte dos gobernos europeos.

A misión de Amnistía Internacional é a de asegurar que refuxiados e emigrantes sexan tratados con dignidade nas fronteiras e que os seus dereitos sexan respetados tanto na súa chegada a Europa como no momento da súa deportación no caso de darse esta situación, ademais de que se lles sexa recoñecido o dereito ao asilo. A liberdade dos emigrates e refuxiados debe ser respectada e as detencións non deben converterse nunha medida de control da chegada masiva de emigrantes irregulares. As persoas chegadas ás fronteiras europeas non deben tampouco sufrir ningún tipo de abuso pola súa condición de emigrante.


Europa morreu en 2015

O pasado sábado 2 de maio Amnistía Internacional Vigo levou a cabo unha acción na defensa dos dereitos humanos no Mediterráneo. A acción tivo lugar na praia de Samil, onde se rendeu homenaxe aos milleiros de mortos que faleceron atravesando as augas mediterráneas como xesto de denuncia para pedir aos gobernos europeos que modifiquen as súas políticas migratorias nunha Europa que morreu en 2015. “Morreu de vergonza, por negarse a salvar a milleiros de emigrantes e refuxiados que pereceron no mar Mediterráneo ao naufragar as embarcacións nas que se dirixían a Europa”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

“Con esta acción pedímoslle á Unión Europea que cambie radicalmente as súas políticas de migración para situar os dereitos humanos no centro e priorizar a protección das persoas á protección das fronteiras.

A UE debe establecer dunha operación de busca e salvamento no Mediterráneo e o Exeo.
Abrir rutas legais e seguras para os que foxen de conflitos e persecución, para que non se vexan obrigados a realizar viaxes perigosas, e garántase que poden solicitar protección internacional. A Unión Europea e os Estados Membros deben deixar de cooperar con países que violan os dereitos humanos, coa finalidade de que estes restrinxan os fluxos migratorios cara á Unión Europea.

As políticas europeas actuais de emigración están a poñer ás persoas en perigo. Miles de persoas vense obrigadas a tomar rutas inseguras para fuxir de conflitos ou de pobreza, e moitas delas faleceron afogadas” (Amnistía Internacional Vigo)


Ata cando?

Ata cando vamos a deixar que o Mediterráneo continúe a ser o leito de morte de milleiros de mulleres e homes que simplemente loitan pola súa liberdade e o seu dereito a vivir? Ata cando vamos a permitir que os nosos representantes sigan a violar os dereitos humanos e tapen os ollos coma se as mortes de xente inocente non importaran? Xa é tarde para devolver os soños afogados a aqueles que non conseguiron chegar a Europa, pero aínda estamos a tempo de que Europa reviva e non vire a cara ante a inxustiza que semella querer negar.

Anuncios