Etiquetas

, , , ,

Hoxe, 25 de abril, conmemórase en Portugal o 41º aniversario da Revolución dos Caraveis (Revoluçao dos Cravos), acontecemento que marcou a fin da ditadura de Antonio de Oliveira Salazar (1926-1974).

A Segunda República Española veu en abril, e a Terceira República Portuguesa… tamén


Hito histórico

A ditadura salazarista, unha das máis lonxevas da historia mundial, comezou coa represión do pobo portugués a comezos do século XX. Este réxime fascista é outro exemplo da tiranía imperante nunha Europa dominada por Hitler, Mussolini e posteriormente Franco.

A Revolución dos Caraveis abriu as portas á Terceira República Portuguesa, revolucionou as esquerdas da Europa Occidental e tamén inspirou aos movementos esquerdistas no Sur de Europa. Este hito histórico foi un raio de esperanza no veciño Estado Español, entón sometido ao réxime franquista, que se prolongaría ata 1975 coa morte do Caudillo.


Caraveis en tempos de primavera

1239882936615Dentro do exército portugués fóronse tecendo os fíos do Movimento das Forças Armadas, organización ilegalizada sen a que tería sido imposible o golpe militar pacífico que derivaría nunha insurrección social posterior. O MFA (Movimento das Forças Armadas) coñecía a realildade que se estaba a vivir nunha África en guerra e tamén coñecía de primeira man os males que o réxime salazarista implantara no pobo portugués, marxinado e oprimido. O seu obxectivo era erradicar o colonialismo para talar de raíz as miserias dos territorios colonizados. Estas ideas de esquerdas e emancipatorias leváronos a constituírse en grupo no 1973, mostrándose en contra tanto das forzas políticas coma das forzas policiais.

O proceso constituínte que asentou as bases da Terceira República Portuguesa non tería sido posible de non ser por aqueles soldados que soñaban cun amencer bañado pola luz dun sol libre. No secretismo do exército foron xerninando aqueles primeiros caraveis clandestinos que no mes de abril tinxirían Portugal de vermello, celebrando o comezo dunha nova primavera en territorio luso.

640px-25_Abril_1983_Porto_by_Henrique_Matos_01A canción Grândola, Vila Morena, emitida na radio ás 00.20 h o 25 de abril de 1974, marcou o comezo da insurrección militar. Homes e mulleres saíron ás rúas reivindicando liberdade e fraternidade. Non era máis que a antesala dos acontecementos que terían lugar posteriormente: acadar por fin o sufraxio universal e o recoñecemento de diversos dereitos que amparaban ás mulleres e ás clases portuguesas máis desfavorecidas.

Como mostra de agradecemento aos soldados que fixeran posible o soño de todo un pobo, a multitude congregada na rúa decorou os tanques e fusís do exército con caraveis dun intenso vermello, símbolo dun día que non sería esquecido e que marcaría o principio do fin de anos de escuridade e silencio. O pobo que ata ese momento estivera mudo recuperara a súa voz.


Grândola, Vila Morena

Grândola, Vila Morena trátase dunha canción de Zeca Afonso que fai referencia á fraternidade e á unidade entre as persoas de Grândola (no Alentejo), a cal foi prohibida pola ditadura salazarista por considerarse un canto de ensalzamento comunista. Os propios membros do Movemento de Forças Armadas elixiron esta canción como cántico á liberdade e sonaría nas rúas e ruelas dun Portugal renacente.

“Grândola, vila morena
Terra da fraternidade,
O povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade.

Dentro de ti, ó cidade
O povo é quem mais ordena,
Terra da fraternidade
Grândola, vila morena.

Em cada esquina um amigo
Em cada rosto igualdade,
Grândola, vila morena
Terra da fraternidade.

Terra da fraternidade
Grândola, vila morena
Em cada rosto igualdade
O povo é quem mais ordena.

À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade
Jurei ter por companheira
Grândola a tua vontade.

Grândola a tua vontade
Jurei ter por companheira,
À sombra duma azinheira
Que já não sabia a idade


Raio de luz

“Sonha e serás livre de espírito… luta e serás livre na vida” Che Guevara

Que un día coma o de hoxe sirva para non esquecer, para que os nomes daquelas persoas non se borren dos libros de historia e para que siga vivo o soño das xentes anónimas que alzaron en alto os puños alzando como arma caraveis da paz. Este 25 de abril debería servir como recordo da barbarie e do fascismo que botou raíces nunha Europa que durante case corenta anos viveu baixo a sombra das mans férreas duns dirixentes que fixeron manar sangue das fendas de países como España, Portugal, Grecia, Italia ou Alemaña. Regueiros vermellos percorreron durante varias décadas as ondas dun mar Mediterráneo comesto pola pólvora das armas e o medo que tamén difuminaba o azul dun Atlántico sen dono.

Non debemos darlle as costas ao pasado, pois hitos históricos coma a Revolución dos Caraveis deben servir como fonte de inspiración para continuar loitando por unha vida máis digna en momentos nos que a dignidade non semella estar nas axendas de políticos que en realidade só merecen o título de politicallo. Aínda queda moito polo que loitar, moitas batallas pendentes de vitoria e moitos dereitos que protexer para que non nos sexan arrebatados. Temos que render homenaxe a aquelas persoas que entregaron as súas vidas para chegar a un presente coma o de hoxe, pero debemos seguir os seus pasos e continuar poñendo as pedras que faltan no camiño do futuro que entre todos e todas debemos construír.

Debemos camiñar coa cabeza ergueita, sen deixar que nos enganen con promesas baseadas en mentiras que pretenden ocultar verdades que só benefician a uns poucos, a esa casta herdanza de tempos salazarianos e franquistas. Non podemos permitir que a inxustiza, a desigualdade e a opresión volvan a botar raíces no veciño Portugal e no noso país, que agora mesmo corre perigo ante o avance ameazante dunha néboa que se fai cada vez máis espesa.

Que abril, mes de segundas e terceiras repúblicas, de bandeiras tricolor e caraveis vermellos, nos ilumine con raios de luz que nos guíen cara a un cambio que depende da nosa forza e da nosa determinación. Que o pobo non se rinda, que o pobo non desista, alcemos os puños no ar, deixemos ondear as bandeiras da liberdade e non permitamos que ninguén nos faga calar. Que as nosas verbas sexan as armas coas que derrubemos os muros da inxustiza. Deixemos que a primavera volva a Europa e abril se volva a tinxir de cor.

“O povo, unido, jamais será vencido!”


Fotografía e edición: Ana Souto Villanustre / Modelo: Cristina Ferreiro Collazos

CARAVEis3

Anuncios