Etiquetas

, , , , , , , , , , , ,

O meu primeiro contacto coa Historia da Arte

A Historia da Arte sempre me resultou apaixoante. Lembro con tenrura os libros sobre arte exipcio que meus pais adoitaban regalarme polo aniversario ou as visitas ás exposicións daquela primeira Fundación Caixagalicia, hoxe en día desaparecida tras a fusión das dúas caixas de aforros galegas. Co todo, un factor determinante que influeu considerablemente nesa paixón polo mundo artístico ao longo da historia foi 6º de Primaria, ese curso no que Coñecemento do Medio estaba dedicado ás igrexas románicas e ás catedrais góticas de vidrieiras de cores.

A miña profesora Teresa, que me deu clase en 5º e 6º de Primaria, animábanos a poñernos na pel dun explorador e adoitaba dicirnos que o segredo estaba en observar coidadosamente cada anaco dos elementos que conforman o mundo do noso arredor. Desde entón, cada vez que vou de paseo ou fago unha viaxe, ou incluso unha simple visita á cidade veciña de Santiago de Compostela, poño os meus anteollos máxicos e observo cada unha das casas, igrexas, escudos, cruceiros e campanarios que forman parte da paisaxe. Miro con atención cada unha das pedras, coma se fosen a murmurar algún segredo, algunha confidencia da que elas foran testemuñas nun pasado lonxano ou ata pode que recente.

Historia da Arte: historia e intrahistoria

As pezas de arte son fiestras abertas ao pasado, máquinas do tempo. A pintura, a escultura, a arquitectura ou mesmo pezas que definiríamos como arte menor, conforman as páxinas dunha extensa e máxica enciclopedia, onde os artistas permanecen vivos, como seres inmortais cuxo nome é evocado nas clases de instituto, universidades, documentais, museos, visitas guiadas, películas, novelas…

A Historia da Arte non só se centra na arte en si mesma, nin tampouco unicamente na vida dos artistas; a arte responde a unhas circunstancias históricas concretas. As obras de arte son pegadas que deixou a humanidade ao longo da historia, estampas que conforman o álbum dos recordos, testemuñas de eventos pasados. Son os ollos do mundo, observadores, impasibles ao paso do tempo. A Historia da Arte é historia e intrahistoria, pois cada obra na súa memoria garda recordos, rostros, imaxes borrosas daqueles que viviron noutro tempo. A Historia da Arte é a historia dunha longa vida, historia da humanidade desde os seus comezos nas covas de Altamira ata a actualidade.

Arte de homes nun mundo de homes

Sendo alumna de 2º de Bacharelato tiven a sorte de cursar a materia de Historia da Arte, unha das asignaturas das que máis desfrutei nos seis anos de instituto e que de poder, vovlería a cursar outra vez. Pagaría por volver a entrar nunha das clases de Manuel nun martes a última hora ou no mércores despois de Historia de España e quedaría absorta mirando as diapositivas cos explicacións dun excelente profesor de fondo.

Durante o curso estudei numerosas etapas e estilos (Antiga Grecia, Roma, Bizancio, Prerrománico, Románico, Gótico, Renacemento, Barroco…), centrándonos principalmente na arquitectura, escultura e pintura. Algunhas das obras que estudamos foron creadas por artistas que quedaron no anonimato, pero moitas delas convertéronse en obras mestras de artistas como Fidias, Mirón, Mestre Mateo, Van Eyck, Giotto, Rafael, Miguel Anxo, O Greco ou Tiziano. Si, todo homes, ningunha soa muller. Absolutamente ningunha.

Entón, non había pintoras, escultoras our arquitectas na época de Fidias e Mirón? Tampouco as había no Renacemento, etapa de esplendor para a arte, a ciencia, a literatura e a filosofía? Non as había no Barroco nin no século XIX? Por non falar das pinturas prehistóricas que se conservan en numerosas covas coma as de Altamira, tan famosas no mundo enteiro; quen as creou?

Co fin de atopar resposta ás miñas preguntas, comecei a buscar información e documentarme ao respeto. Non só descubrín artistas contemporáneas das que nunca oíra falar, senón que atopei información sobre mulleres que adicaron á súa vida á arte xa desde a época clásica. Gustariame renderlle homenaxe a esas mulleres que quedaron esquecidas polas enciclopedias e libros de texto, pero cuxo traballo é digno de recoñecemento. Este artigo está adicado a un grupo reducido de artistas renacentistas que sirve como exemplo da labor levada a cabo polas mulleres no mundo da arte ao longo da historia. Porque o seu traballo é igual de valioso que o dos homes que, polo mero feito de ter nacido en calidade de home, gozan xa non só de recoñecemento, senón de plena visibilidade.

Renacemento: (re)nacer da muller artista

O Renacemento supón unha etapa de numerosos cambios sociais e a chegada da luz nunha Europa que estivera dominada polo escurantismo da Idade Media. Aumenta o recoñecemento da labor do artista, que deixa de ser considerado como un simple artesán. O artista renacentista non se limitaba a empregar as súas mans para crear a súa obra, senón que tamén era froito da razón.

É a partir do Renacemento cando se comeza a recoñecer socialmente á muller artista, aínda que na Italia do Quattrocento hai poucas artistas documentadas. María Ormani (século XV) monxa miniaturista da orde agostiña, continuou coa tradición medieval e é coñecida polo autorretrato que inclúe entre as ilustracións que realizou para o Brevarium Calendario de usum Ordinis S. Agustini (Biblioteca Imperial de Viena). Antonia di Dono (1456-1491) era pintora pero son moi poucos os datos que se coñecen acerca da súa figura como artista. Sábese que o seu pai era o pintor Paolo Uccello e na biografía do mesmo, escrita por Vasari (Vida dos máis excelentes pintores, escultores e arquitectos), dise que Uccello deixara “unha filla que sabía debuxar”. Tamén se sabe que Antonia di Dono pertenceu á orde carmelita e que viveu na cidade de Florencia. O termo “pintora” figura na súa partida de defunción, o que confirma a súa faceta de muller artista.

08b-Ormani

Breviarium Calendario de usum Ordinis S. Agustini

Da que si hai máis información é de Catalina Vigri (1413-1463), á que tamén se coñece como Catalina de Bolonia, foi monxa da orde das clarisas e levou a cabo unha ampla obra pictórica a mediados do século XV. É autora de numerosos frescos nas estancias do seu convento (non se conserva ningún deles), táboas e incluso realizou miniaturas para diversos manuscritos. Entre as obras conservadas destacan Cristo na cruz da Pinacoteca Bolonia, Santa Úrsula na Galería da Academia de Venecia e a Virxe María co Cristo neno e mazá. Tamén levou a cabo a iluminación do Breviario de Catalina Vigri arredor do ano 1452. Trala súa morte foi elevada á condición de santa da Igrexa Católica e na actualidade é cosiderada como patroa dos pintores e pintoras.

1413-1463_Catalina_de_Bolonia,_Virgen_con_niño

Virgen con niño y manzana de Caterina Vigri

No século XVI o papel da muller artista goza de maior prestixio, fenómeno moi ligado á figura de Sofonisba Anguissola (1532/35-1625), a quen podemos considerar como primeira artista que acada un importante éxito como pintora e que exercerá unha considerable influenza sobre outras mulleres pintoras. A eduación das nenas nesta época non só estaba orientada á castidade e á maternidade, senón que tamén se lle concedeu importancia á pintura, á música e á poesía, feito que explica a formación de Sofonisba Anguissola. As súas primeiras obras son principalmente retratos da súa familia. Foi solicitada por diversas cortes europeas e traballou na Corte española de Felipe II, converténdose en pintora da raíña Isabel de Valois. Sofonisba foi unha brillante retratista, vivindo a súa etapa de maior esplendor na Corte española. As súas figuras están cargadas dunha profunda psicoloxía, a mirada dos retratados é intensa e as vestimentas gozan de gran detallismo. Artistas como Miguel Anxo, co que tivo contacto na cidade de Roma, e Giorgio Vasari alabaron a súa obra pictórica. Caravaggio inspirouse no cadro Neno pinzado por un cangrexo de Sofonisba para a creación da súa pintura Neno mordido por un lagarto. Lavinia, Caterina van Hemessen e Marieta Robusti tamén salientaron no mundo da pintura, sendo herdeiras do legado de Sofonisba Anguissola.

Sofonisba-Anguissola-Asdrubale-Bitten-by-a-Crawfish

Neno pinzado por un cangrexo de Sofonisba

Discriminación: esposa, nai, artista?

As artistas renacentistas dedicáronse na súa maioría á iluminación de manuscritos e á pintura, centrándose no retrato. Non queda constancia da existencia de mulleres escultoras nin mulleres arquitectas. Estos oficios eran “masculinos”, pois os homes eran considerados como seres superiores intelectual e fisicamente. Este fenómeno reflicte a discriminación á que a muller se enfrontaba non só no Renacemento, senón ao longo de toda a historia. Nunha sociedade dominada polos homes, a muller estaba baixo o control do seu pai e posteriormente do seu marido. A muller traballaba na casa, coidando dos fillos e encargándose das labores domésticas (o papel da muller era o de esposa e nai). O mundo laboral estaba vetado parcialmente para a muller, como é caso do oficio de artista, o que explica o feito de que o número de mulleres artistas fose tan reducido. Malia non haber moitas mulleres adicadas ao mundo da arte, sí había mulleres que traballaban, por iso se pode afirmar que o mundo laboral non estaba completamente vetado para as mulleres. Había mulleres lavandeiras, costureiras, campesiñas que traballaban para grandes terratenentes, panadeiras, amas de chaves, nodrizas…

Existe un segundo tipo de discriminación: os historiadores (e tamén o Vaticano) concederon máis importancia aos seus colegas, aos homes, deixando ás mulleres nun segundo plano, como se as súas obras fosen inferiores en calidade. A Historia da Arte foi maquillada polos historiadores para satisfacer os seus propios intereses. Temos que borrar esa maquillaxe e render homenaxe ás mulleres artistas que, a pesar dos numerosos obstáculos, loitaron pola súa gran paixón: a arte.

Anuncios