Etiquetas

, ,

Desde os tres anos (para algúns desde os seis) ata a mocidade, pasamos a maior parte do tempo entre as catro paredes das aulas da escola (e do instituto posteriormente na etapa final previa ao acceso á Universidade). Cinco días da semana rodeados de mestres e profesores con afán de compartir cos seus alumnos o Saber e dotarnos así de coñecemento para o futuro.

Algúns deses divulgadores do saber tamén teñen a capacidade de despertar nos seus pupilos paixón por aprender e sede de saber máis do que se imparte nas clases, de empaparse de coñecemento. Ese don (ás veces infravalorado ou simplemente ignorado) distingue a un bo profesor dun profesor do montón (e con esta afirmación non quero desprestixar a labor docente do profesorado, o que pretendo é loubar a aqueles mestres e profesores que sen ser conscientes, deixan a súa pegada nalgúns dos alumnos que pasaron polas súas aulas).

Como alumna teño o privilexio e a sorte de rememorar as clases dunha mestra inesquecible á que nunca lle poderei agradecer o gran legado que me deixou, ese enorme agasallo que me fixo no seu día cando eu non era máis ca unha tímida rapaza de once anos que devoraba libros.

Teresa, esa gran mestra agora xubilada, fixo nacer en min verdadeira paixón pola literatura, a historia da arte e a escritua creativa. En Primaria escribín os meus primeiros relatos e poemas e lin novelas das que nunca me esquecerei. Lembro con agarimo as súas clases de Coñecemento do Medio e os meus inicios no mundo do Románico e o Gótico.

Ademais do moitísimo que aprendín grazas a unha mestra que desfrutaba dando clase, tamén adquirín unha serie de valores que deberían ser innatos a calquera ser humano. Teresa inculcábanos a importancia do traballo e do esforzo, superarnos a nós mesmos e enfrontarnos ás dificultades sen tirar a toalla. Por aquel entón os nosos maiores problemas e dramas eran resolver raíces cadradas, aprender de memoria os ríos de Europa ou contar os versos dun poema e establecer a rima correcta; pero a medida que fomos medrando, esas complicacións tamén foron cambiando, mais non a mensaxe da nosa profesora sobre a determinación e a constancia (levantarse ao tropezar no camiño ou darlle a man a alguén que acaba de caer).

É unha mágoa que esta profesora xa non dea clase, mais estou convencida de que a súa pegada imborrable está impresa nos corazóns de moitos dos alumnos que tivo ao longo da súa traxectoria dando clase. Algúns xa terán fillos e traballarán, outros estarán buscando traballo e tamén os haberá aínda estudiando, coma min; pero todos nós, en determinado momento das nosas vidas dedicaremos uns segundos dos nosos ocupados días a lembrar esas mañáns do venres recitando normas de otrografía que empapelaban as paredes da aula, as fichas en branco e negro de como facer unha boa descrición ou unha poesía, o olor a laranxa da aula despois da hora da comida…

Síntome afortunada de ter coñecido a Teresa de la Torre Sánchez, unha persoa humilde e dun gran corazón que marcou o meu paso pola escola primaria e que sen dúbida definiu as bases do meu futuro no instituto e agora na universidade. Quizais de non tela coñecido non sería quen son agora: unha apaixoada das Letras que soña con ocupar o seu lugar algún día (e ao mellor deixar a miña pegada nalgún futuro alumno que se sente nun dos pupitres da miña aula).

Anuncios