Defende o teu dereito a pensar, porque incluso pensar de maneira errónea é mellor que non pensar.

Hypatia foi unha filósofa e mestra neoplatónica grega, natural de Alexandría (Exipto). Destacou tanto no campo das matemáticas como no da astronomía e estaba á cabeza da Escola neoplatónica de Alexandría, a comezos do século V. Foi a primeira muller matemática da que se ten constancia e coñecemento detallado. Escribeu sobre xeometría, álxebra e astronomía, mellorou o deseño dos primeiros astrolabios e inventou un densímetro. Foi unha muller entregada ao pensamento e á ensinanza e defendía o paganismo nunha etapa na que o cristianismo pasou a ser nova relixión do Estado romano. Morreu a unha idade avanzada (entre os 45 e os 60), asasinada por un grupo de cristiáns nun momento de conflito relixioso. A partir da Ilustración converteuse nun verdadeiro mito, sendo recoñecida como “mártir da ciencia” e símbolo do fin do pensamento clásico ante o avance do Cristianismo.

Esta apaixoante filósofa espertou o meu interese despois de ver a película Ágora, do director español Alejandro Amenábar e posteriormente lin a biografía escrita por Pedro Gálvez, que nos permite coñecer máis de cerca a unha muller loitadora e exemplar. A historia, sen embargo, non foi xusta con ela. Debería falarse de Hypatia nas clases de filosofía e historia, en lugar de quedar esquecida, nun segundo plano, como se o seu paso polo mundo carecera de importancia.

Ela, si, ela, tamén merece ser lembrada.

Anuncios